Pepe Álvez y Sebas Senande muestran la belleza de lo desapercibido en Iskoö

Sebas Senande + Pepe Álvez (Foto: Guille Dacal)
photo_camera Sebas Senande + Pepe Álvez (Foto: Guille Dacal)

Pepe Álvez e Sebas Senande comparten traballo en El Progreso, unha actividade que os obriga a centrar os focos das súas cámaras na actualidade, aínda que non deixan de aproveitar para desviar ás veces o obxectivo e quitar algún detalle que lles chama. Senande ten claro que «son cousas que non teñen entrada no periódico».

Ambos os fotógrafos presentaron once de eses detalles na mostra ‘Combinado con menta’, que se pode visitar dende onte e ata o día 3 de xuño na galería Iskoö de Lugo. O nome da exposición vén de que as súas fotografías «teñen estilos distintos», pero decidiron «amosalas xuntos, combinándoas, e a menta vai con todo», apunta Senande, que achega seis obras por cinco do seu compañeiro.

Pepe Álvez explicou o seu traballo comentando que se trata de «composicións gráficas sinxelas con portas, ventás, pechaduras ou fachadas» coas que xoga alterando os tamaños, «agrandando as pequenas para resaltar os detalles ou empequenecendo as grandes, como unha balconada, por exemplo». Desta volta non alterou as cores, aínda que si as tratou.

A mesma opción adoptou Sebas Senande, que comparece con imaxes tanto en branco e negro como en cor. «A diferenza entre as miñas fotos e as de Álvez é que eu abro máis o plano», comenta Sebas Senande. As súas pezas son tamén pechaduras, pero hai tamén detalles de camión ou unha marquesina e mesmo un par de retratos —da súa irmá e dun amigo que traballa como ‘clown’—. Este fotógrafo busca tanto o pracer estético como a sorpresa por medio da ironía «a través de persoas ou obxectos cotiáns».

Cerámica

A cidade de Lugo acolleu onte unha segunda mostra. Iván Prieto presentaba ‘Bronce, aluminio, barro’ na galería Clérigos. O artista confesou que xuntara algunhas pezas que xa espuxera coa intención de que servisen de acompañamento a outras novas,  as realizadas en cerámica, sumando vinte e dúas.

O artista explicou que está experimentando con ese elemento na escola Ramón Falcón «para reivindicalo como material plástico, dado que se considera máis ben artesán e ten moitas posibilidades». A investigación de Prieto limítase ao ámbito técnico, porque continúa facendo os seus humanoides vistos co seu filtro surrealista e os seus animais disfrazados de coellos.

Aínda que satisfeito pola versatilidade do material, o creador comentou que non puido «facer pezas con moito volume e con extremidades delgadas porque rebentarían no forno». Matizou, iso si, que «agora hai esmaltes que soportan temperaturas moi altas». Con todo, se fai unha peza grande, «tería que facela por partes para logo proceder a montala», engade.

Prieto séntese inclinado a empezar a usar arxila e esmaltes nos seus traballos por ser «máis barato e máis rápido» ca outras materias das que se viña valendo para as súas esculturas.

Comentarios