UN FALAR
Paisaxe con figuras
26/04/2008 - María Xesús Nogueira
Este martes, a estrada N-525 amosaba, na súa chegada a Santiago de Compostela, unha paisaxe inusitada. Baixo unha chuvia intensa e no medio de importantes retencións no tráfico, os traballadores da mina de cuarzo de Serrabal camiñaban cara á cidade para se concentraren diante do Parlamento de Galicia e pediren unha vez máis un cambio de trazado na vía do AVE que lles garanta un futuro laboral, ameazado desde hai tempo polas obras. A primeira locomotora do agardado tren bateu cunha barreira mineral, económica e tamén política na Serra do Pico Sacro, propiedade noutrora da Raíña Lupa e cobizada agora por uns e outros. A ringleira de traballadores desfilando cos paraugas en man e uniformados cos chalecos fluorescentes baixo o asfalto mollado, entre a intermitencia das sirenas das patrullas de Tráfico que escoltaban a marcha, transmitían un sentimento de dignidade, malia non se tratar esta vez de columnas de tractores desfilando lenta e maxestosamente polas estradas galegas. Os traballadores de Serrabal, figuras minúsculas avanzando baixo a chuvia, estaban a percorrer, cos seus pés, un trazado alternativo ao da poderosa máquina que non dá chegado.
A uns quilómetros de distancia, podiamos contemplar ese mesmo día outra paisaxe particular. Neste caso tratábase dunha concorrida concentración nos arredores da factoría de Leite Río, no polígono industrial do Ceao, nesta cidade, protagonizada por gandeiros que amosaban a súa crispación pola deriva da economía do sector. O motivo da contundente protesta dos gandeiros lugueses era unha cuestión coñecida de vello: a baixada de prezo do leite aos produtores. A concentración rematou con algunhas actuacións violentas, sempre lamentábeis, e coa intervención de forzas antidisturbios. A paisaxe dos arredores integraba no cadro cicatrices de tensión, máis tamén de decadencia. De entre as imaxes das mobilizacións, hai unha delas que me resultou especialmente impactante. Refírome a unha fotografía difundida por este xornal na súa edición dixital, na que se apreciaba a imaxe dun carro, obxecto case museístico do campo galego, sobre unha das fogueiras aínda acesas. A poderosa estampa, na que resulta imposíbel non ler unha metáfora da morte do noso agro, transmite un desacougo antigo e para moitos, ben seguro, identitario.
Na memoria dos últimos tempos conservamos abondas fotografías de paisaxes habitadas por figuras que fan nelas a súa particular intervención social, sexa cal for a causa. O país que un día encheu as súas costas feridas dunha abrumadora e solidaria presenza humana está afeito a integrar na paisaxe estes elementos como unha linguaxe máis dos novos tempos, os tempos modernos.





