A tribo dos Piñeiro Pernas

Familia Piñeiro Pernas, na xuntanza (Foto: Purriños)
photo_camera Familia Piñeiro Pernas, na xuntanza (Foto: Purriños)

No mundo do cine e da televisión as grandes sagas familiares sempre deron para moito: series, películas e culebróns ó redor das visicitudes dunha parentela moi particular... ¿Quen non lembra ‘A tribo dos Brady’ ‘ Con oito basta’ ou a máis recente ‘Doce na casa’ -e a súa inevitable secuela ‘Doce fóra da casa’-?

Nas terras vilalbesas tamén se podería facer máis dun serial coas familias numerosas e, sen dúbida, unha candidata a ter en conta sería a tribo dos Piñeiro de Lanzós, que só cos mais achegados xuntou a preto de cen persoas nunha comida celebrada recentemente no restaurante Casa Maragata da Torre.

Ata catro xeracións desta saga familiar vilalbesa se deron cita neste singular ágape, no que sen dúbida os grandes protagonistas foron os doce patriarcas e matriarcas dos Piñeiro Pernas, os doce irmáns e irmás que lle dan nome a tribo e que conservan dun xeito envexable as ganas de festa malia ós seus anos, que os teñen.

O menor desta irmandade anda xa polos 70 anos, toda unha vida, e a maior ronda os 90, así que, entre todos, pouco ou nada lle teñen que envexar ó vello Matusalem, quen, segundo a Biblia, chegou ós 969 anos.

Non é doado que doce irmáns e irmás cheguen a peinar canas, pero Josefa, Leonor, Norberto, Angelita, Darío, Maruja, Eduardo, Pura, Margarita, Manolo, José e Demetrio Piñeiro Pernas -ordenados por idade, dende a maior ó menor- demostran que a xenética, a sorte, os astros e os deuses se conxugaron para deixalos a todos gozar dos fillos, dos netos e ata dos bisnetos, nalgúns casos.

Os avatares da vida espalláronos por medio mundo, e pódense atopar un Piñeiro Pernas no seu Lanzós natal, máis tamén os hai na veciña parroquia de San Simón da Costa, noutros puntos da provincia, coma Foz, da comunidade, coma A Coruña, ou de Europa, xa que algún deles emigrou e fixo vida en Xenebra (Suíza).

Para salvar esas distancias e manter vivos os lazos de sangue, cada certos anos xuntabanse e poñíanse ó día das súas respectivas vida. Agora, quixeron levar un paso máis adiante esa xuntanza esporádica e a ela foron convidados os seus fillos, os seus netos e os seus bisnetos, así coma os parentes por vía política achegados á familia por todos eles.

En total, preto dun cento de comensais compartindo mesa e mantel na Casa Maragata para darlle forma a unha instantánea única, á que contribuíron catro xeracións de Piñeiros chegados de San Cibrao, Ribadeo, Foz, Vilalba, A Pastoriza, A Coruña, Lugo, Xermade, Cambre, Oleiros, Madrid, das cidades suízas de Xenebra e de Lausanne... e, por suposto, do seu Lanzós de orixe, porque por alí, seica algún aínda queda.

Comentarios