Celebrou Madrid o bicentenario daquel dous de maio. Polas rúas transitaban os figurantes que tratan de reproducir a confusión total dun país. No meio a figura deleznable de Fernando VII, “el deseado”.
As veces hai que ter coidado co que se desexa... Anda vagando polas paredes do Concello de Lugo, un retrato dese rei, pola maldita gracia de non sei quen. Cando estaba de edil e acudía ao pleno, o óleo cadrábame xusto as costas, e non podía evitar o arrepío que me producía. Por riba, á súa avesa expresión, co deterioro do tempo o lenzo tiña unha raxadura que iba dende a comisura esquerda ata o queixelo, dándolle un aire de draculín menorero que daba noxo.
Un bo día suxerinlle a Juan Méndez, responsable de Cultura, que levara ao restaurador algúns lenzos e aproveitase para colgar este óleo, onde non o viran nin as ratas.
A memoria dos pobos é fráxil, pero téñenme que perdoar si comparo este monstro co de Amstettem. O austríaco tivo a súa propia filla secuestrada e torturada durante 24 anos. O outro traizoou, enganou, burlou e torturou o seu propio país. Un pobo que foi a guerra por defenderlle os seus dereitos ao trono.
Todas as guerras son un desastre, pero esta fíxose contra o invasor, sen rei ao mando, nin tropas organizadas para a causa. Unha guerra por dignidade. Este “indeseable”ao regresar, non fixo máis que poñer pé a terra en Valencia, e abriu a boca para pisotear todo ese sacrificio e as ilusións dos que arriscaran a súas vidas por proclamar a Constitución de 1812. Un dos documentos históricos máis nobres que temos.
As Cortes de Cádiz reuníronse heroicamente para redactar ese texto no fragor dunha guerra de guerrillas, na que as mulleres se organizaban como un máis, ou se poñían ao fronte das tropas, si era necesario. Elas tamén foron obxecto da súa misoxinia patolóxica, da que o destino se burlou, negándolle descendencia. Ao final do seu reinado, tivo que abolir a Lei Sálica, para dar paso a súa única filla como raíña de España, sendo unha neniña.
Que temos que agradecer a un tipo que en pleno S.XIX restaurou a Inquisición? En todo caso recoñecerlle a José Bonaparte, que nos achegara á idea dos dereitos de cidadanía, que nos deixara un código civil polo que nos reximos ata fai uns anos, e unha estructura territorial e administrativa que aínda pervive
O retrato volveu restaurado ao Concello de Lugo, pero a expresión segue sendo patética. Non merece un lugar en ningunha institución que sexa sede da soberanía do pobo. Que o descolguen.
09/05/2008