Marica dálle á roca

Datos de interés

  • Viernes 16.05.2008

UN FALAR

Marica dálle á roca


Etiquetas: Día das Letras Galegas, María Xesús Nogueira, Un falar

María Xesús Nogueira.

UNHA semana antes da celebración da xornada grande da nosa cultura, o Día das Letras Galegas, a xeografía estoura en celebracións de diversa índole, as máis delas arredor da figura homenaxeada. Escritores, estudosos e outras persoas do ámbito, así como das institucións políticas, despréganse ao longo do país para cumpriren un ano máis cun rito que, alén de honrar a literatura galega, xera interesantes beneficios ás industrias culturais.

Os andeis das librarías están ocupados maioritariamente nestes días por volumes do trinque relacionados co autor ao que se lle rende homenaxe. Os medios asumen tamén, con maior ou menor coherencia e entusiasmo, o compromiso de colaboraren cos fastos.
Semellante proliferación de actividades, que nalgúns espazos contrasta coa indixencia de diario, crearíanos, de vivirmos noutras coordenadas, unha idea ben distorsionada da cultura galega no relativo á súa programación e transmitiríanos unha fotografía insólita dalgúns axentes sociais e políticos.

Lonxe de cuestionar a celebración do Día das Letras, e moito menos a figura de Xosé María Álvarez Blázquez, poeta, alén de artesán e enxeñeiro da resistencia da cultura galega, boto de menos unha planificación nos festexos e un reparto das actividades culturais ao longo do ano, para facer fronte ao frío do inverno e aos rigores de agosto.

Por outra banda, sinto mágoa pola soidade do homenaxeado nos anos vindeiros e temor polo seu esquecemento, unha vez exploradas todas as facetas da súa personalidade e da súa obra. A inmediatez dos estudos ten como consecuencia, entre outras cousas, a reiteración e o solapamento de contidos. O conxunto de materiais xurdidos ao longo do ano dedicado a un escritor precisa, coa debida distancia temporal, un labor de revisión que na maioría dos casos é aínda unha tarefa pendente. Non debe entenderse esta afirmación como unha crítica a respecto dos traballos creados para estas efemérides —oficio do que non me exclúo—, senón unha precaución á hora do seu manexo.

Máis alá do simbolismo da data, o vello tópico que demanda que todos os días do calendario sexan tamén Días das Letras Galegas segue estando vixente. Detrás das actividades da homenaxe de cada ano atópase o labor de numerosas persoas que están a construír cultura a cotío nos seus respectivos campos. Mais á romaría acoden tamén festeiros ocasionais que queren sumarse por un día á celebración —sábado á noite, Marica dálle á roca—, faceren acto de presenza e volveren ás súas rutinas, tan afastadas do compromiso coa cultura galega, até o vindeiro ano. Uns e outros confúndense a miúdo entre o xentío da romaxe.

10/05/2008

0'0 (0 votos)

valorar_registrado


Acceder Crear usuario

valorar_propios



valorar_valorado



¿Comentas?

comentarios_interesa guía de comentarios.


Acceder Crear usuario

co_explica





captcha

Cambiar por outro


co_pouco_html
co_etiquetas_html

Opcións

Redes

Buscar + información sobre





Publi


El Progreso
Rúa Ribadeo s/n, Lugo · Tlfno: 982 29 81 00
Grupo El Progreso