Desilusión

NO CALENDARIO de moitas persoas, setembro marca o inicio dun novo ciclo. A incorporación ao traballo logo do mes de vacacións por excelencia, o comezo do curso escolar nos diferentes niveis e a reanudación da actividade política converten estes días de volta á rutina nun fervedoiro. En moitos casos, a consigna é a apertura dunha nova etapa, coas implicacións que isto comporta: cadernos de estrea, páxinas en branco, proxectos e promesas, ilusións do trinque. O reencontro con compañeiros e colegas, o bronceado aínda na pel e a tarxeta de memoria chea de imaxes estivais, engade un plus de optimismo a estas datas de carteiras novas e escaparates outonais, ben coñecido por uns axentes publicitarios capaces de converter case todo en imperiosa necesidade.

As vésperas do outono estanse a vivir non obstante este ano cun pouso de preocupación e pesimismo. O neboeiro da crise -a que estamos padecendo e a que, segundo se vén anunciando desde hai tempo, aínda está por chegar- segue a pousarse sobre nós ennegrecido polas últimas novas do verán: os ditados das potencias económicas da Unión Europea, as advertencias do Fondo Monetario Internacional, as barbas dos veciños gregos e os agoiros dalgunhas voces expertas. As inminentes eleccións xerais que, de facermos caso ás enquisas, poderían supor un cambio de cor no goberno, tampouco conseguen polo de agora facer revivir a ilusión. Non van mellor as cousas da casa, gobernada a golpe de tesoiras en sectores clave como a educación, a sanidade ou os servizos sociais -non falamos xa da lingua ou da cultura-. Os axustes, cuxa contía semella ridícula se a comparamos con gastos como os ocasionados por eventos por todos sabidos, cos saldos favorábeis de grandes empresarios ou co patrimonio recentemente declarado pola clase política, non fan senón recortar calquera farrapo de fe nun prometido e adiado comezo da recuperación.

É un lugar común afirmar que da adversidade xorde un viveiro de ideas e que as cinzas dun sistema alimentan a revolución. Non obstante, a crise non só afectou os petos e as arcas: minou os discursos e as conciencias. O descontento ante semellante panorama deu lugar á mobilización de milleiros de persoas que mostraron a súa indignación pola descrenza nas elites dirixentes e pola falta de alternativas políticas. Aínda que o movemento conseguiu acender unha lumieira na escuridade e facer visíbel maneiras máis democráticas de gobernar, parece estar lonxe se converter, cando menos no futuro inmediato, no proxecto capaz de acabar cun bipartidismo protexido por unha lei electoral cuestionábel e cuestionada. Ao tempo que caeron as estruturas dun ilusorio estado de bonanza e benestar, derrubáronse tamén idearios, valores e vontades, deixando as portas abertas á desilusión.

Comentarios