UN FALAR
A ciencia de florecer
17/05/2008 - María Xesús Nogueira
Uns meses antes da súa morte, o escritor Álvaro Cunqueiro pronunciaba unhas palabras que se habían converter nun dos tópicos máis reiterados da cultura galega contemporánea: “se de mín algún día, despois de morto, se quixera facer un eloxio, e eu estivera dando herba na terra nosa, podería decir a miña lápida: Aquí xaz alguén que coa súa obra fixo que Galicia durase mil primaveras máis”. Dificilmente sospeitaría o escritor de Mondoñedo que o seu desexo, cumprido na inscrición de tal epitafio na tumba, acabaría converténdose nun lema, o das mil primaveras máis para a lingua galega, abondo repetido nos discursos institucionais. Esta semana das Letras Galegas e o día de hoxe en particular semellan propicios para o emprego da frase cunqueiriana, máis popular que calquera dos seus versos. Tales palabras resoan nunhas xornadas nas que seguen a chover sobre mollado supostas polémicas e opinións falsarias contra a normalización da nosa lingua, encubertas baixo argumentos en nome –xa é ironía– da liberdade. Nesta semana de primavera chuviñenta, fértil en actos literarios, a Mesa pola Normalización Lingüística presentaba a súa nova campaña: Imaxinas unha Galiza sen mar? Imaxinas unha Galiza sen monte? Imaxinas unha Galiza sen lingua?, ao tempo que xurdía na rede Blogues pola lingua, un espazo para a defensa do galego. Nos días pasados soubemos tamén da creación da Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC), encargada de substituír o IGAEM e concibida co obxectivo de apoiar a produción privada na edición do libro, as artes escénicas e musicais, o audiovisual e as artes plásticas e visuais. Semellante medida, detrás da que queremos ver un pulo ao desenvolvemento das industrias culturais galegas, precarias nos máis dos casos, coincidiu co anuncio da próxima apertura do Centro IBBY (International Board on Books for Young People), na Cidade da Cultura. A mención destas iniciativas é unha boa ocasión para a lembranza de Xosé María Álvarez Blázquez, figura homenaxeada no Día das Letras Galegas que, en tempos de indixencia e desidia institucional, escribiu os seus poemas, relatos, ensaios, investigacións e estudos. Con Roseira do teu mencer (1950) sementaba as primeiras palabras no xénero da literatura infantil e xuvenil. Alén disto, puña en marcha empresas senlleiras no tecido das industrias culturais do momento, como a libraría e editora Monterrey ou as Edicións Castrelos, coa súa popular colección O Moucho. O seu foi un exemplo de resistencia cultural, de compromiso e de esperanza na primavera, na primavera da lingua, mais tamén na dos días claros nos que, como deixou escrito en Poemas de ti e de min, cómpre ir “ao campo, a ver / se deprendemos axiña / a cencia de frolecer”.
No puedes valorar tus propios comentarios.
Ya has valorado este comentario
Serán borrados los comentarios que contengan insultos y/o contenidos inadecuados.
Para cualquier duda, consulta la guía de comentarios.







