Entre o imaxinario do lecer que reavivamos cada ano no inicio do período das vacacións atópase, para moitos de nós, o reflexo da pantalla dun cinema de verán iluminándonos caprichosamente os rostros. Ben podería ser a proxección unha película en branco e negro, un western ou acaso a historia interminábel dunha saga familiar a que irradiase os nosos corpos logo das horas intensas do sol. Podería ser tamén, para irmos cos tempos, algunha daquelas fitas que as obrigas do ano nos impediron ver no seu momento nas salas comerciais das nosas vilas.
O imaxinario non é porén un reflexo da realidade. Construímolo, como é sabido, con retallos de vida, de recordos, pero tamén con imaxinacións, con soños e con pezas soltas daquilo que queremos ser. A presenza do cinema de verán no noso imaxinario non é, agás ben poucas excepcións, unha experiencia recuperada do recordo. Nin sequera é un feito cotián da nosa infancia. O cinema tardou en chegar a unha boa parte dos núcleos galegos e, como xa teño comentado neste espazo, a poboación rural viviu, na súa maioría, de costas a esoutra arte que tan só coñecía a través da transmisión oral.
A situación que se está a dar en moitas localidades, co peche das súas salas polos escasos beneficios xerados, volve privar a poboación da maxia das grandes pantallas e fomenta a migración da ficción audiovisual a outros formatos e soportes, distribuídos as máis das veces fóra das canles legais. A este feito cómpre engadir outro, que tamén se estende ás cidades, como é a redución da oferta debida ao predominio (por veces case exclusivo) das grandes producións comerciais nas carteleiras. En semellante escenario, o cinema independente e de autor, por non falarmos de xéneros como o cine clásico ou o documental, queda relegado a festivais e ciclos que rompen a monotonía duns produtos tan exitosos como previsíbeis.
Neste panorama cómpre destacar os ciclos de natureza diversa que se están a organizar nalgunhas das nosas vilas, así como as iniciativas emprendidas por algúns concellos de levar aos espazos rurais o espectáculo marabilloso de asistir a o cinema baixo as noites estreladas do verán. Cómpre igualmente valorar o proxecto Cinemas Dixitais, organizado pola Consellería de Cultura e Deporte e a Axencia Audiovisual Galega, que está a levar desde o mes de outubro fitas galegas a núcleos que carecen de salas comerciais. A iniciativa aposta pola descentralización das proxeccións, ao tempo que apoia a creación galega e introduce diversidade nunhas carteleiras dominadas polos produtos máis comerciais. Cinemas Dixitais, que levará esta semana documentais galegos a espazos públicos de Abadín, Chantada e Monforte, constitúe tamén unha boa alternativa para as tardiñas do verán.
05/07/2008