Querencia polo Monseivane

Asistentes á cea conmemorativa do 25 aniversario do Ceip Monseivane de Moreda, celebrada no Villamartín. c.Pérez
photo_camera Asistentes á cea conmemorativa do 25 aniversario do Ceip Monseivane de Moreda, celebrada no Villamartín. c.Pérez

Preto de 300 alumnos e nove mestres iniciaron no curso 86-87 a andaina dun novo centro educativo vilalbés, o Ceip Monseivane de Moreda, en Lanzós, no que se agruparon as unitarias de Lanzós, San Simón, Corbelle, Samarugo e Vilapedre.

Un cuarto de século despois, un grupo de 60 persoas -50 exalumnos e 10 mestres de onte e de hoxe- cuya traxectoria está inexorablemente unida ós 25 anos de historia do colexio vilalbés, reuníronse nunha cea celebrada no hotel Villamartín de Vilalba para conmemorar o aniversario do Monseivane.

«Organizar esta cea foi un detalle moi bonito por parte das exalumnas», sinalou o actual director do centro, Javier Suárez,, quen tamén apuntou que os recortes de persoal sufridos este curso, con só catro mestres para atender a 45 alumnos, os levou a renunciar ás actividades que tiñan pensado facer para celebrar esta efeméride.

«O primeiro ano foi moi complicado, eran moitos alumnos e non tiñamos material, tivemos que buscalo nas unitarias», recorda Olga Pardo, unha das mestras que estrearon o centro. «O primeiro ano tiñamos moita ilusión, había moita expectación, pasabamos dunha dinámica de traballo individual a outra en grupo», engade Alfonso Baamonde, outro dos fundadores, quen tamén quixo ter un recordo para «os compañeiros que xa baixaron no andén da estación».

Ambos rememoraron a súa época no colexio, cando había grupo de gaitas e de teatro, charlas da Comunidade Económica Europea e de escritores ou se fixeron traballos sobre a madeira, o liño, o queixo San Simón, hórreos, cruceiros... ou excursións para ver ‘en vivo’ distintos estilos de arte, orografía, vexetación...

As lembranzas do antigo alumnado ofrecen a outra cara desa mesma moeda. Sandra, Susana e Cristina, nadas no 82 e amigas dende párvulos, forman parte da xeración que inagurou o centro. «O mellor eran os recreos», bromean, aínda que tamén confesan que os mestres eran «esixentes, pero bos».

Atesouran recordos daquel comedor no que chegou a haber dous turnos, onde os maiores servían ós pequenos e no que se comía pescado os venres e había que beber leite. Por un intre víronse outra vez convertidas nas Spice Girls e reviviron instantes dramáticos, coma o dunha nena atrapada nunha papeleira, ou cómicos, coma o da pequena que mexou diante da mesa da profe ó non lle deixar ir ó baño.

As múltiples actividades tamén son unha constante nos recordos escolares de Sonia e dos seus compañeiros, onde as rosquillas ‘Lamenmore’ ou as papillas de cores comparten oco coa repetitiva frase dun cabreado mestre de ximnasia: «Carrera suave y continua por toda la pista». Quen volvese a ser neno!

O colexio de Lanzós abriu no 1986 e acolleu a case 300 alumnos e a 9 mestres das escolas unitarias desta parroquia e das limítrofes

Comentarios