Comezou coma un experimento, un haber o que pasa... e o que pasou foi que a xente se involucrou ó máximo, superando totalmente as expectativas do Concello, promotor dos Domingos de Baile e Café que, dende hai pouco máis dun mes, reúnen cada domingo a máis de medio cento de persoas naquela parroquia designada para acoller este evento lúdico e social.
O funcionamento desta iniciativa non podería ser máis sinxelo. Cada semana escóllese unha parroquia, coma máxima de cruzar o río Ladra de domingo en domingo, para evitar que lle toque a dúas parroquias veciñas. A hora de comezo está fixada para as cinco e media da tarde e a de remate... vén dependendo do que o corpo aguante, porque aínda que sobre as nove da noite sería unha boa hora para recoller, hai sitios onde ás dez aínda había xente con ganas de festa.
O lugar da celebración responde tamén ó propio espírito do programa: rectorais ou antigas escolas unitarias son o escenario repetido, amosando así que teñen vida máis alá da desaparición do seu orixinal.