Ata logo, Anita


Etiquetas: Ana María Yáñez Bellón, obituario

30/12/2011 - P. C.

Xa hai uns días que non estás entre nós, e non consigo afacerme á idea. Miro as fotos onde estamos xuntas, e non podo evitar sorrir recordando tantas e tantas cousas que temos vivido. Cando as deixo de novo no seu sitio, tampouco podo evitar chorar, chorar por ti, querida amiga. Para definir como foi a nosa amizade, diría sobre todo unha palabra: divertida. Rimos moito xuntas. Moito. Incluso en momentos duros para calquera das dúas, que os houbo e non foron poucos, sempre soubemos sacar un punto de ironía para poder sorrir. ¿Acórdaste da bolsa de guisantes conxelados?... Eso quedará entre ti e máis eu, como tantas outras cousas.

En realidade, sempre me pareceu unha tontería escribir a quen xa non pode ler, pero digamos que é un recordo navideño que a túa familia e os teus amigos queremos ter para ti.

Quixera tamén ter un agradecemento, no nome das dúas, con todas aquelas persoas que tanto falaron de nos, e non sempre ben; que en realidade nos chamaron de todo menos bonitas... ¿acórdaste das cousas que dicían? Pois tamén de eso rimos xuntas, e aprendemos moito. Aprendemos, sobre todo, que ás veces estase mellor caladiño, porque cando se cuspe para arriba, xa se sabe o que pode pasar. Din que «o que esté libre de culpa, que tire a primeira pedra». Todos teriamos que quedar coa pedra na man, pero sempre hai quen a tira contra os demais. Ti, en cambio, só tiraches pedras contra ti mesma. Esa é unha das diferenzas que existe entre unhas persoas e outras.

Pero xa ves o que é a vida ¿sabes? Case todos aqueles que falaron tanto, acompañáronte a Santa Mariña, ou estuveron no tanatorio. No fondo, non nos querían mal, pero xa se sabe, de algo hai que falar, e todos tendemos a falar dos de fora antes de barrer na casa. Todos temos defectos e ti e máis eu non nos íamos quedar atrás, «estamos de primeiriñas na lista», ¡que lle imos facer!

En Santa Mariña estuvemos case todos os que tiñamos que estar, algúns faltaron porque non poideron ir, outros non o souberon, e os que podendo non quixeron estar, eles saberán... A ti xa non che importa e nós sobreviviremos a esas ausencias (aínda que a min, algunhas, si me importan).

Recordaría mil cousas máis, dende que éramos nenas: primeiro en Cabreiros, despois Vilagamelle, calle Huertas (agora carril das Hortas), calle Primavera, e tamén na miña casa, claro. Estuvemos xuntas dende moi nenas, e cada unha de nós sempre foi moi querida na familia da outra. Eu sempre me sentín ben acollida na túa casa, e ti sabías que tamén o eras na miña.

Unha última cousa: sei que che gustará saber que o teu pai, aínda que sempre estabades rifando, di que «non sei que teñen os fillos, pero cando faltan, parece que nos arrancan un pedazo de nós».

Toca despedirnos, e imos facelo estilo «Sarita», a miña nai, ¿acórdaste? Sempre que te ías da miña casa dicía: «Bueno, Anita, hasta outro día, e dalle un abrazo a teus pais e a teus hermaos». Pois eso, Anita, ti dalle un abrazo a túa nai (a quen tampouco olvidarei nunca), e os que quedamos aquí xa nos iremos abrazando entre nós. Agora Jose di que eu son a irmá que lle queda. Sabemos que non é o mesmo, pero faremos o mellor que se poida.

Pido disculpas por o galego «pouco académico». O meu mundo non vai moito máis alá da miña aldea, Laxosa (antes Lajosa), e alí, o que se di moi académicos non somos, pero eso si, sempre nos entendemos falando ó noso xeito. Ata calquera día, Ana. Querémoste.

5'0 (1 votos)

Para valorar comentarios debes estar registrado.


Acceder Crear usuario

No puedes valorar tus propios comentarios.



Ya has valorado este comentario