'Gústame a forza interior da miña personaxe e a súa intelixencia, porque aprende a vivir cos seus erros'

A partir de mañá, Nora Tschirner (Berlín, 1981) converterase en 'a Rusa', compañeira de aventuras de 'Spleen' (Luis Tosar) na ópera prima de Alfonso Zarauza 'La noche que dejó de llover', que se rodará ó longo das próximas oito semanas en Santiago.

Pregunta: Antes da proposta de Zarauza, ¿xa tiñas ganas de rodar aquí?
 
Resposta: Algúns amigos meus faláranme das súas rodaxes en España. Un bo amigo, Daniel Brühl, que é medio español, faloume moi ben delas. Ademais o cine español esperta bastante interese en Alemaña actualmente. Para min, o mellor sería rodar en todo o mundo, porque me gusta aprender idiomas e ese rollo de campamento de verán, aínda que a película non se poida ver en Alemania. Nunca contaría con que me ofrecesen un papel en España, porque tampouco falo ben o español. Foi unha sorpresa e estou moi feliz.
 
P: Ten a comodidade de que a túa personaxe é estranxeira...
 
R: Está moi ben que non teña que ser española nativa, pero é rusa, e iso tamén me resulta difícil, porque existen moitos sons parecidos en ruso e español que non existen en alemán. Aínda así, como tiña ruso no colexio, foi máis doado iso que facer de china.
 
P:
O teu amigo Daniel Brühl xa che contaría a súa experiencia con Luis Tosar en 'Cargo'...

R:
Si, é unha historia divertida. Hai un ano aínda non sabía nada deste papel nin que ía rodar con Tosar, e Daniel Brûhl xa me contara cousas divertidas del. Contoume que é unha persoa bastante importante no cine español, e que é moi boa xente e moi divertido. Eu non vira ningunha película súa, busqueino no Youtube cando souben que ía rodar con el. Era moi difícil imaxinar como é realmente, pensei que sería moito máis maior.

P:
Levas xa un par de semanas aquí. ¿que puideches ver en Galicia?

R: Visitei o casco antigo de Santiago e a xente do equipo xa nos ensinou os bares de guiris e xa os temos controlados. A cidade só a coñecía polo guión de Zarauza, pero é tal e como a imaxinaba. Sentinme en casa cando cheguei. Tamén estivemos en Carral, nun concerto de The Ellas (A banda de Luis Tosar) e na praia.

P:
¿Que ten en común coa súa personaxe?

R: (Bromea) Son puta, danme asco os homes.... Non, é unha frase do guión. Parecémonos na maneira de falar. Ó comezo é moi desconfiada, bastante seca, e eu tamén podo ser así. E as dúas cremos no destino. Pero unha vida tan dura como a da personaxe, non ma podo nin imaxinar.

P:
¿Que foi o que mais a atraeu do papel?

R:
Rodar en España (ri). Non, en realidade emocionoume moito a historia. 'A Rusa' é unha prostituta que leva en España tres anos, que a venderon... A pesar de todo o sufrimento, de toda esa vida amargada, ó atopar a Spleen consegue abrirse ó final e mostrar que a súa alma non está morta aínda. Ten un desexo de seguir vivindo e de volver a ver ó seu fillo. Gústame moito a súa forza interior e tamén é moi intelixente, porque reflexiona sobre os seus erros e aprende a vivir con eles.

P:
Cre que este papel marcará a súa carreira?

R:
Son moi pouco estratéxica en canto a miña carreira. De momento, é só un papel que me encanta, que tiña ganas de facer e co que o vou pasar ben. Probablemente co tempo sentarei, verei o que fixen e pensarei que este papel foi moi importante. Pero para min agora é máis importante estar con esta xente en España, gústame moito o guión e ter a posibilidade de aprender español, porque seguramente marcará a miña vida persoal. En xeral non teño moitas expectativas e por iso sempre estou moi ben.

P:
Ademais de ser presentadora na MTV e actriz, colabora cunha ONG...

R:
Si, coa de Bono de U2. Participei na campaña de 'Cada tres segundos morre un neno' en Alemaña co obxectivo de recuperar fondos para axudar ó terceiro mundo.

P:
¿Seguirá os pasos de seu pai (Joachim Tschirner) no campo documental?

R:
Si, na miña familia existe esta conciencia social. Aprendín moito de meu pai, que estivo por todo o mundo facendo documentais. Cos documentais pódense contar moitas máis cousas e ademais agora está tendo influencia no cine máis comercial, un exemplo claro é 'Babel'. Meu pai é moi consciente dos problemas do mundo e sempre tenta axudar. Pola miña parte, colaborei con el na investigación dun documental sobre uns aborixes australianos que loitan contra unhas minas de uranio. Estas situacións cámbianche o sistema de valores completamente.

P:
¿Existe unha nova fornada de actores e directores comprometidos socialmente en Alemaña?

R: Creo que hai novas historias no cine alemán porque a sociedade Alemá conseguiu emanciparse e reflexionar sobre o seu pasado. Espero que os novos actores e en xeral as novas xeracións estean máis involucradas socialmente con problemas como o cambio climático, a desigualdade, a relixión, a política... É imposible quedarse sen facer nada. Ata agora, o que fixen foi participar nos anuncios, pero gustaríame facer máis e que a nosa xeración faga máis cousas tamén.

Comentarios