EDICIÓN IMPRESA
''Era a primeira vez que o salón saía de París''
25/07/2008 - Lucía Porto / El Progreso (Sarria)
O Salon de Outono abre as portas ano tras ano na localidade sarriá grazas ao labor do escultor José Díaz Fuentes. Este home, fincado en París desde hai 33 anos, decidiu hai catro traer o Salón de Outono de París á vila que o viu nacer fai 68 anos, como conta para El Progreso na edición impresa deste venres.
"Pensei que a miña terra estaba a caer nuns defectos, como o academicismo e o debuxo de paisaxes perfectas; ademais, levaba uns anos participando no comité do Salón de Outono, polo que lle pedín aos meus colegas se me facían a confianza de traer a mostra a Sarria", explica o artista sarrián.
Os franceses membros do comité mostráronse estrañados ante esta petición polo que Díaz Fuentes explicoulles onde se atopaba Sarria tendo como basee que a vila se trata dun punto fundamental do Camiño de Santiago. 2005 foi o ano de proba e 50 autores do Salón de Outono prestaron as súas obras, na que sería "a primeira vez que o salón saía de París".
O Salón de Outono é unha exposición de arte que se exhibe anualmente en París desde 1903. Neste ano prodúcese unha reacción de protesta dos artistas en contra do realismo do século XIX. Déronse conta que debían evolucionar e empezan a realizar pequenas exposicións. Posteriormente, puideron facer a mostra no Grand Palais da cidade do Sena, sede actual da exposición, que se celebra no mes de outubro.
Xa en Sarria, nese primeiro ano de proba nace a colaboración coa Unesco, momento no que esta institución internacional prestou o seu logotipo ao salón para a exposición. Isto dá lugar á creación do Club Unesco de Sarria, actual Centro Unesco, o que incrementa o número de participantes na mostra.
Desde aqueles comezos xa pasaron catro anos e queda moi lonxe aquel 2005 no que só se expuxeron 50 obras na casa da cultura da vila. Hoxe xa se mostran 270 traballos en varios puntos do Camiño, desde O Cebreiro ata Portomarín, aínda que segue sendo Sarria o núcleo fundamental da mostra, onde se exhiben 170 obras.
En 2010 Díaz Fuentes quere chegar a Santiago de Compostela co Salón de Outono, coincidindo co próximo Ano Santo compostelán, aínda que "depende do valor que lle dean as autoridades, pois prestan axudas moi xustas e hai que estar sempre arriba", asegura o artista. Díaz Fuentes é o encargado de facer a selección das obras que se traerán a Sarria todos os anos, o que fai coa axuda do comité do Salón de Outono de París, a través de catálogos e visitando exposicións noutros países.
O ano pasado unhas 7.000 persoas visitaron a exposición, cifra que espera superar este ano, pois "neste momento en Europa non hai un salón como este ,"afirma Díaz Fuentes.
Galicia, invitada este ano
Díaz Fuentes anunciou estes días que Galicia será o país invitado no próximo Salón de Outono de París, xunto a Exipto. O escultor sarrián quixo destacar a importancia de salóns como este e o orgullo que significa que a comunidade galega sexa invitada a participar nunha exposición como a de París.
Paralelamente ao Salón de Outono de Sarria celebraranse durante o mes de agosto unha serie de conferencias e actividades. O día 5, en Samos, estará José Antonio de Mesa, secretario xeral da comisión española da Unesco, Así mesmo, José Luís Barreiro dirixirá unhas charlas e a Universidade Internacional Menéndez Pelayo celebrará as súas tradicionais conferencias os días 20 e 21 de agosto.
Non podes valorar os teus propios comentarios.
Só podes valorar o comentario unha vez.
Interésanos a túa opinión, pero 'con sentidiño'. Nada de insultos nin descalificacións.
Borraranse todos os comentarios que, con criterio subxetivo como en toda web, se consideren inadecuados.
E lembra, non lles deas de comer aos trolls...
Para calquera dúbida, consulta a guía de comentarios.







