Craig Patterson: ''Custoume sangue, suor e bágoas traducir 'A esmorga''


Etiquetas: traducción, entrevista, Lugo, inglés, novela, Blanco Amor, Craig Patterson

20/04/2012 - Jaureguizar / El Progreso (Lugo)

Craig Patterson é o galego que máis veces recorre á palabra carallo no seu discurso. Galego non é de nacemento, que o trouxeron ao mundo na inglesa de Gloucester, pero defínese como tal. Este profesor de Hispánicas na galesa Cardiff vén de traducir ‘A esmorga’ de Eduardo Blanco Amor para o inglés e presentouna onte en Lugo como ‘On a bender’.

Craig patterson le un fragmento de ‘A esmorga’sempre que presenta a súa tradución, como fixo onte na galería Sargadelos de Lugo. O seu favorito é o que di unha prostitua que colle unha xarra de viño e exclama: «Que estes sexan os andacios que me matan e que se foda o mundo!». O profesor estivo acompañado de Xaime Dapena e Benxamín Casal, quen interveu en representación de Galaxia, editorial que colaborou con Planet Books para a publicación.

O seu pai é irlandés. Quería falar das conexións entre a novela de Blanco Amor e o ‘Ulises’ de Joyce.

Eu non llas vexo... narrativamente Joyce é máis vangardista.

Pénseo mellor. En ambas as novelas os protagonistas fan un percorrido por unha cidade nun período breve de tempo...

Si... hai iso... Tamén a corrente de conciencia, dos pensamentos saíndo coma unha enxurrada, que non se poden parar. Blanco Amor fai unha novela moi moderna e moi europea. Fai algo moi galego, como é publicala en Bos Aires. Seica escribiu a obra en 1955. Bos Aires era un sitio moi galego e, despois de tres tentativas fallidas en España por mor da censura franquista, decide en 1959 que «ao carallo!», que vai facelo cos seus amigos porque para el o importante era manter a cosmovisión. Os problemas coa censura non eran tanto de que aparecesen putas e borracheiras como pola linguaxe. Pasaron aínda 11 anos ata que puido aparece en España.

Vostede ofrece en 2010 a primeira versión íntegra do libro en calquera lingua.

Si, grazas ao profesor da universidade de Vigo Xosé Manuel da Silva, que recuperou cinco anacos que eliminou a censura. ‘On a bender’ é a primeira versión íntegra en calquera lingua.

Blanco Amor traduciu a súa novela ao español como ‘La parranda’. Utilizou esa versión?

‘La parranda’ despista aos tradutores. Blanco recoñeceu que esa era a súa primeira tradución e decátase de que non o fai ben porque non para de engadir e cambiar cousas. ‘La parranda’ é outra novela distinta.

Limitouse a usar ‘A esmorga’, logo. Seica tivo problemas cos dialectismos ourensáns.

Hai algunhas que me custou moito. Unha delas foi follateiras. Fixen un traballo de detective da lingua para poder coñecer o seu significado. Mesmo falei co Don Corleone da lingua, que é Antón Santamarina, pero nada. Eva Moreda deume a pista de que Blanco Amor o conta en ‘La catedral y el niño’, onde di que son unhas festas antigas de tradición báquica. Eu vivín unhas follateiras estupendas no San Froilán de 1996. Outra expresión foi fóra a ialma, que usa unhas seis veces: «Eran coma vacas, fóra a ialma»; «roucaban coma porcos, fóra a ialma»... Non hai unha expresión semellante en inglés. Traducina como ‘fóra as súas almas benditas’. É unha frase moi católica, para desculparse por comparalos con seres sen alma.

Xa lle falaba eu do ‘Ulises’. Por que escolleu esta novela?

Foi unha decisión feita no meu primeiro momento do galeguismo. Estaba nun Erasmus de Hispánicas en Salamanca no ano 1995. Un amigo e máis eu collemos un Ford Fiesta e fomos ata Santiago. Cheguei no lusco e fusco, co sol dando na fachada da catedral. E namorei de Galicia. Dende aquela decidín que usaría a tradución para universalizar a cultura e a identidade galegas. En 2009 ofrecéronme esta tradución o Pen e máis a Deputación. Como din os xitanos, ten coidado de que se cumpra o que desexas. Esta tradución costoume sangue, suor e bágoas. Sacoume canas, pero non puiden dicir que non porque todos os amigos escollían a novela como a mellor en galego.

A maiores da linguaxe local, que lle custou?

O protagonista, Cibrán, fai un relato de paisano ourensán no que tamén fai saltos líricos. Blanco tiña que facelo porque era un dandi. Cibrán fala e fala coma Sherezade en ‘As mil e unha noites’ para librarse da represión.

Como mantivo o ritmo dos diálogos?

Existía a tentación de verquelos a unha voz rexional británica, como a irlandesa católica. Non caín nela porque perdería a especifidade cultural. Blanco Amor aproxima o morto e o vivo, plasma a periferia da galeguidade dentro da propia periferia. A voz inglesa é guiri, pero é un inglés idiomático, que non avoca a outro sitio, pero evoca un sitio literariamente único.

Como está sendo a vida comercial da versión inglesa de ‘A esmorga’?

Esgotouse a primeira edición. Planet Books ten traducidas catro obras -de Castelo, Ferrín e Casares- e esta foi a que máis se vendeu malia que se publicou hai dez anos cando este leva un.

Que público pode ter unha obra destas características? A maiores do profesoral, claro.

É o público culto galés. Tamén me falaron dunha reseña no The Times e logo temos as redes sociais, que son o mellor para as periferias. En Oxford hai unha libraría moi importante, a Blackwell’s, na que hai unha sección de galego. Unha das fillas de Arthur Miller mercou alí ‘Cousas’, de Castelao, e dixo que ía regalarlla ao seu pai. Esa é a vantaxe das periferias, que poden vivir nas redes sen ter que pasar polo centro. Blanco Amor foi un periférico que tivo sempre claro que quería ser un periférico elegante. Sufriu moitos rexeitamentos pola súa homosexualidade, pero sempre loitou pola elegancia.

IDIOSINCRASIA
«Sorprendeume o concepto do tempo: para un inglés as nove non son as nove e media»

Os motivos polos que Craig Patterson está namorado de Galicia empezan «pola lingua, que é única» e seguen pola «xente que é única, que pode repugnarte ou convertirte en amante, como foi o meu caso».

Vostede profundou no ser galego. Que non entende aínda?

Que os galegos non queiran a súa cultura, que non sintan orgullo de algo que é único no mundo.

E ao primeiro?

Descubrir que os galegos teñen un concepto distinto do tempo. As nove para un inglés non son as nove e media. A un inglés parécelle un abuso. Despois daste de conta de que non é tan importante. Outra cousa que me sorprendeu foi a falta de autoconfianza. É un feito obxectivo que Galicia ten un comportamento de cultura colonizada. Tamén pasa no sur de Irlanda, en Gales e en moitos lugares de África. Xa falou Isabel A Católica de «doma e castración de Galicia». Cando un pobo recibe un golpe tan forte queda afectada a súa visión do mundo.

Escapamos pola vía do humor.

A retranca é un humor sutil de dobre sentido que pide un compromiso intelixente por parte do interlocutor. John Rutherford, o meu mestre, estaba con outro profesor de Oxford nun día de chuvia. «Parece que chove», díxolle. O outro enfadouse porque non entendeu que era unha ironía.

4'8 (8 votos)

valorar_registrado


Acceder Crear usuario

valorar_propios



valorar_valorado



1 comentario

comentarios_interesa guía de comentarios.


#1 Por cormelana 21-04-2012 16:23

Normal

Como boto de menos os teus artigos no Vieiros.


Acceder Crear usuario

co_explica





captcha

Cambiar por outro


co_pouco_html
co_etiquetas_html


Fotos

Craig Patterson, onte en Lugo. PEPE ÁLVEZ
Craig Patterson, onte en Lugo. PEPE ÁLVEZ