Fondos do Centro Ramón Piñeiro accesibles dende a Biblioteca Virtual Cervantes

A secretaria xeral de Política Lingüística da Xunta, Marisol López e o vicepresidente da Fundación Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes, Ignacio Jiménez Raneda, asinaron esta mañá en Santiago de Compostela un convenio de colaboración para a difusión dos fondos documentais do Centro Ramón Piñeiro a través da páxina web da Fundación.

Deste xeito, o novo portal da Biblioteca Virtual acollerá as obras que integran as liñas de investigación do Centro Ramón Piñeiro. As dúas primeiras obras que formarán parte desta iniciativa serán 'A obra narrativa en galego de Manuel Lugrís Freire'- compilación sobre o autor- e 'A gaita galega' -primeira revista monolingüe da emigración galega-.Para a secretaria xeral de Política Lingüística, este acordo é unha "maneira de visualizar e facer máis universal a nosa lingua".

O vicepresidente da Biblioteca Virtual comentou que se estudarán outras "accións conxuntas" entre a Fundación e a Xunta, como a creación dunha aula virtual para animar aos máis novos a ler en galego.

A expansión da cultura
A Fundación Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes Saavedra naceu co obxectivo de desenvolver, a través da súa Biblioteca, "a expansión universal das culturas hispánicas a través da utilización e aplicación dos medios tecnolóxicos máis modernos a obras relevantes da literatura, as ciencias e a cultura española e hispanoamericana." O acceso a tódolos seus fondos é gratuíto.

A idea da súa creación partiu da Universidade de Alicante en colaboración co Grupo Santander e a Fundación Marcelino Botín.

Comentarios