El Progreso

Galiciae

A TECELÁ EN OUTONO

A culpa de Xoán Ninguén


Etiquetas: A tecelá en outono, banca, finanzas, Marica Campo

Marica Campo.

O MONÓLOGO que Calderón de la Barca pon en boca de Segismundo, o príncipe encadeado polo seu pai en ‘La vida es sueño’, é, mutatis mutandis, o de Xoán Ninguén hoxe. Por se alguén as esqueceu, reproduzo aquí parte das palabras do máis famoso soliloquio do teatro español: «¡Ay, mísero de mí, ay infelice! / Apurar, cielos, pretendo / ya que me tratáis así / qué delito cometí / contra vosotros naciendo; / aunque si nací, ya entiendo / que delito he cometido: / bastante causa ha tenido / vuestra justicia y rigor, / pues el delito mayor / del hombre es haber nacido». Pode soar a hipérbole, mais non o é.

Xoán Ninguén, farto de escoitar que viviu por riba das súas posibilidades, dálle a volta a esas palabras e pensa que a reflexión debería xirar arredor das posibilidades de vivir (que é un conto ben diferente) con soldos de miseria, cando non cunha esmola sempre incerta. Mais, como queira que a mensaxe pesadamente repetida é esa, busca a orixe da culpa e, daquela, a conclusión non pode ser outra que a do príncipe.

A culpa é del, que non tiña máis riqueza que o seu traballo e, como o perdeu, agora non pode facer fronte aos seus compromisos cos bancos e ese longo etcétera no que se nos van os cartos aos mortais do chamado Primeiro Mundo. Converteuse así nun paria sen outro dereito que o de se interrogar sobre a culpa.

Ás veces chegan noticias de lonxe, algún nome propio e moitos comúns de altos cargos ao lado dun con maiúscula, Capital, curmán doutro non menos venerábel, Mercado, a sementar a sospeita na grea dos sen-dereitos. Lonxe cadra lonxe, aló na galaxia dos intocábeis, para Xoán Ninguén.

O argumento (vivir por riba das nosas posibilidades) vístese cada día cunha nova roupa para o ritual da burla. Agora resulta que a culpa consiste en non termos fe. Díxoo un mandatario de nome difícil. As reformas non funcionan alí onde a xente non acredita nelas. A cousa é seguir a cargar as costas de Xoán Ninguén, cangado xa como para buscar a cagada do lagarto, tal diría aquel personaxe de Cunqueiro.

Seica van rescatar a banca, esa inocente criatura que fixo os deberes de cada día cun celo digno de encomio. Acaso non colocou hipotecas e preferentes a esgalla? Ben o sabe Xoán Ninguén, obxecto da súa atención mentres tiña unha nómina coa que responder ou uns aforros que poñer a producir. A letra pequena, xa se sabe, é para os especialistas e só adquire caracteres xigantes cando xa é tarde. E sabe tamén que a el ninguén o rescatará dos bancos que contribuíron á súa desgraza.

Á parte da de ter nacido, Xoán Ninguén sente nese lugar fondo dos remorsos outra culpa que a cadora ten un rostro máis recoñecíbel: o desespero. Búlelle na cabeza a idea de saír en manifestación á rúa cunha pancarta inmensa a pedir a fumigación masiva de todas e todos os que están coma el. E que, aínda que sexa sentar un precedente, esta vez paguen a conta os verdadeiros culpábeis.

15/06/2012