Sempre se dixo que coa experiencia que dan os anos vividos medraba a sabedoría práctica e, canda ela, a confianza na bondade dos consellos e orientacións que desde esa posición era posible ofrecer. E, aínda que, afortunadamente, a xente nova nunca deixou de manter ben engraxado o mecanismo natural dese motor primario que convida a ir descubrindo camiños propios polos que circular sen se cinguir ós antes trazados, parece coma se sempre quedase algo do que un día fora recomendado para botar man del á hora de conducirse en determinadas circunstancias. Ou iso é o que pensamos moitos dos que por idade e oficio chegamos, de boa fe, a actuar algunha vez de aconselladores —non sei se o termo é moi correcto, supoño que non, pero poñer o que nos manda o diccionario podería ser, se cadra, erroneamente interpretado e non están os tempos para demasiados riscos- e non dubidamos en exercelo con aqueles dos que nos sentimos un tanto responsables. E se de algo estabamos convencidos era do proveito que o aconsellado habería sacar das nosas admonicións, entre as que estaba, e en lugar preferente, a rendibilidade garantida do labor propio sempre ben feito...
Pero chegou a crise e canda ela algunha caste de vento, até o de agora calmo —ou encerrado—, que está facendo que se abalen os esteos que parecían termar do edificio de determinados principios e así sabemos que o señor Richard Fuld, dirixente responsable
de Lehman Brothers, unha importante compañía financeira norteamericana que deu en quebra —situación que non creo que sexa demasiado arriscado asociar á pouco eficiente xestión deste home— o que supuxo a perda do traballo para a maioría dos empregados
e, naturalmente, tamén a do del. Un verdadeiro drama para todos, menos para o señor Fuld a quen, cos cartos de todos os despedidos e os de cantos antes confiaran na empresa, aboáronlle unha compensación de nada menos que dezaseis millóns de euros despois
de facer tan mal o traballo que a el lle correspondía.
Imaxino eu agora a Mary Smith, traballadora —sen blindaxe, claro— que foi de Lehman Brothers e hoxe sen traballo, axudando ó seu fillo John nas tarefas escolares, os dous nun cuarto no que xa comeza a se notar o frío do outono porque hai que aforrar gastos,
repasando as contas da clase de Aritmética e sen ela poder agachar a súa preocupación polo incerto futuro da familia e non son quen de adiviñar cal poderá ser o consello que pense darlle ó rapaz que roe, concentrado, o cabo do lapis mentres loita cos números escritos no caderno.
05/10/2008