VÍA ORAL
A froita da redención
30/06/2012 - Jaureguizar
CAEUME POLA CASA unha bolsaza chea de peras de San Xoán. Alimentei no meu entorno familiar e afectivo unha sona de omnívoro desprexuizado que me beneficia rotundamente. Recibo un continuado maná de alimentos pouco ordinarios, que agradezo plenamente.
Pouco pararon as peras na casa. A culpa foi tanto do recendo a pereira en flor como da cor amarela viva tan gloriosa que ningún fauvista se lle resistiría. Abonda con mirar calquera cadro de Monet para decatarse. O sabor intenso satisfacía as expectativas todas.
A miña avoa materna non era tanto de Monet, tiraba máis ben por Cézanne. Nunca dialogamos o asunto, pero seino porque ela gustaba de asar peras logrando unha cor apagademente dourada que prefería Cézanne para o bodegón. Ninguén pintou peras e mazás co seu xeito.
O historiador da arte Meyer Schapiro asegura que esa teima con ambas as froitas vénlle de cando Zola foi dar ao seu colexio de Aix-En-Provence chegando de París. Os prexuicios dos outros alumnos foron intensificándose co paso dos días e desembocaron nunha malleira. Cézanne foi o único que o defendeu, o que lle reportou tamén algunhas labazadas. Zola soubo ser agradecido naquela mesma tarde. Acudiu á casa do seu valedor pousando diante da porta un cesto con peras e mazás.
O artista Guy Davenport introducía un simbolismo nese presente para empuxar a amizade entre os rapaces cara ao folletín. Davenport aseguraba que «ambos os dous amaban a poesía pastoral de Virxilio. O simbolismo era claro: Alexis recibía peras e mazás do seu amado Corydon».
Allea a esas paixóns, falsas ou impostadas por Davenport, a miña avoa botaba man de peras conferencia tal e como facía Cézanne. Pasábaas polo forno antes de realzalas con toques de mel e canela.
A partir desa receita tan sinxela hai quen anda experimentando con asar as peras dentro dunha masa de biscoito para obter unha sobremesa exquisita. Cómpre coidar de que o rabo asome para evitarse a inxestión do carabuño, a non ser que se pretenda xogar ao agasallo do roscón de Reis fóra de tempada.
Zola debería de saber que as mazás simbolizan a caída e as peras, a redención. Pero, como argumenta o pai dos Karamazov: «Se non teño tempo para durmir ben, como vou ter tempo para o arrepentimento e a redención?»










