AUGA LIZGAIRA

O penalti


Etiquetas: Paco Martín, fútbol, Eurocopa, penalti, Auga lizgaira

02/07/2012 - Paco Martín

OS CRONISTAS deportivos, tan dados eles, polo xeral, ao uso dunha linguaxe un tanto tremendista, chámanlle «punto fatídico» e está, ou debe estar, tratándose do fútbol e de acordo co regulamento oficial, situado a 12 iardas da liña de gol e centrado con respecto á portería. É un sinal branco riba do que hai que pousar o balón cando se vai tirar un penalti, que como todo o mundo sabe, é o «máximo castigo» -expresión tamén moi propia de quen se dedican a comentar encontros deportivos- co que se pode sancionar a un equipo dadas as moitas posibilidades que o encargado de «executalo» ten de conseguir o gol. É un lance do xogo co que os futbolistas, adestradores, directivos e seareiros do equipo beneficiado se senten especialmente gratificados, que enche de desánimo aos compoñentes do conxunto rival e co que é posible conseguir algo realmente difícil nun estadio de fútbol: que se faga o silencio, que haxa quen decida desviar a ollada lonxe do terreo de xogo e mesmo que se poida ver a alguén que está a se encomendar fervorosamente a algunha divindade de calquera culto ou relixión.

O penalti enfronta nunha tensa contenda psicolóxica e durante uns poucos segundos a dúas persoas que se saben o foco no que se centra a atención dunha cantidade considerable de espectadores -agora coa televisión mesmo poden chegar a ser varios millóns- e aquí, penso eu, é o único momento no que o porteiro pode ter unha certa vantaxe moral sobre o seu opoñente. El, sempre exposto aos «disparos», «canonazos», «fungueirazos», «obuses», «tiros» e demais violentas descargas ás que o someten os dianteiros contrarios ademais de ter que cargar moitas veces coas culpas dunha derrota que en realidade é a do conxunto, sabe agora que, como por lóxica todo o mundo agarda que o episodio acabe en gol, pouco ou nada arrisca se iso é o que acontece e sabe tamén que se, pola contra, é quen de deter o balón e evitar o tanto, súas van ser a gloria e as ovacións, mentres que o encargado de lanzalo enfronta a posibilidade de que suceda xusto o contrario do que todos consideran natural e sabe tamén que, de ser así, tardará tempo en recuperar a estima daqueles que nel confiaron neste momento.

Un xogo este no que un servidor, desde o papel de espectador, fai, en ocasións, por participar intentando poñerse no lugar dun dos protagonistas e imaxinando que, ou quen, se lle vén ao acordo xusto na décima de segundo anterior a que se produza o contacto do pé co coiro do balón. Crédeme que, ás veces, o enredo ten o seu aquel de catarse, e unha desas veces foi estoutro día cando o CD Lugo acadou o ascenso á Segunda División en terras gaditanas. Entendes as emotivas mostras de ledicia e a satisfacción coa que as reciben os membros da directiva do club, os seus técnicos, os xogadores, os seguidoras e seguidores do equipo e, como non, todos os lugueses e luguesas que dalgún xeito participamos do triunfo.

Despois de que o fixera o Lugo, a selección española venceu de igual modo á portuguesa para chegar á final do Campionato de Europa (Cando escribo isto aínda non se xogou partido da final e, naturalmente, non se sabe cal é o campión).

É certo que Borges, para significar o desprezo que sentía por este deporte, afirmaba que o fútbol fora a ocorrencia máis desafortunada que os ingleses tiveran nunca e a min dáseme por pensar que é porque, se cadra, el nunca intentou poñerse no lugar de algún dos que protagonizan o penalti.

3'8 (4 votos)

valorar_registrado


Acceder Crear usuario

valorar_propios



valorar_valorado



¿Comentas?

comentarios_interesa guía de comentarios.


Acceder Crear usuario

co_explica





captcha

Cambiar por outro


co_pouco_html
co_etiquetas_html