Organiza unha exposición de Luis Cebreiro, o precursor de salvamento
José Luis Moar: ''Arriscou a súa vida ao longo da súa existencia e o pobo debe coñecelo''
03/07/2012 - Cristina L. Felipe / El Progreso (Viveiro)
Unhas 250 fotografías darán constancia da importantísima labor que realizou este home, que recibiu tódalas condecoracións posibles polas súas fazañas en operacións de rescate e axudou a mellorar a vida dos mariñeiros. A mostra inaugúrase o día 13 no conservatorio.
que a xente moza non saiba quen é Luis Cebreiro é «un delito, horroroso», en palabras de José Luis Moar, que coordina unha exposición sobre a súa vida, ao longo da cal rescatou a máis de 30 persoas en accidentes marítimos e foi o precursor do servizo de salvamento, ademais de conseguir a construción das vivendas sociais de Pénjamo, O Chao e A Atalaia.
De onde vén a súa relación con Luis Cebreiro?
Eu coñecín e tratei moito a Luis Cebreiro porque eu, igual que a maioría dos rapaces de Viveiro nos anos 40 ou 50, era das Flechas Navales e él era o director. Cando te fas adulto empezas a ver a xente que te rodeou e te marcou; a min deixoume unha profunda pegada e entón vin que a xente actual, os rapaces do século XXI, xa non saben nada de Cebreiro.
Como lles explicaría quen era?
Cebreiro foi un heroe nacional, estivo na prensa daquela época e foi recibido polo Rei persoalmente. Foi o heroe do naufraxio do Santa Isabel e salvou a deceas de persoas en distintas operacións. A sociedade de Salvamento de Náufragos deulle as súas tres medallas, de ouro, prata e bronce, por distintas intervencións. Ten tódalas medallas de salvamento, incluida a máxima distinción da Cruz Vermella; foi a persoa máis condecorada do século XXI neste eido. É un personaxe importantísimo na recuperación da vida humana no mar.










