MÚSICOS DO MIÑO
Sons populares das terras cistercienses
17/07/2012 - Cristina Pérez / El Progreso (A Chaira)
A Banda Municipal de Música de Meira, que dirixe Francisco Javier García Canto dende as súas orixes, conmemora o vindeiro domingo cun concerto e unha mostra de fotografías e de vídeos os seus primeiros dez anos de vida.
a vila de meira, xurdida ó redor dun mosteiro cisterciense e sen unha tradición musical reseñable, viu nacer hai unha década unha escola de música e unha banda municipal froito do empeño de todos aqueles que puxeron o seu gran de area para que o proxecto prosperase.
O domingo día 22, dez anos despois de que xermolase esta iniciativa musical, a Banda Municipal de Música de Meira é toda unha realidade, recoñecida non só na propia comarca meirega, senón tamén en boa parte do territorio galego, no que se contan por ducias as súas intervencións.
Os meiregos e tamén os veciños das terras chairegas de Guitiriz, Vilalba, Cospeito, Castro de Rei ou A Pastoriza, das lucenses de Sarria, Portomarín, Monforte, Guntín, Riotorto, A Pontenova ou das galegas de Brión ou de Valga puideron escoitar ao longo destes dez anos o bo facer desta banda, que conta entre os seus grandes fitos unha actuación televisiva xunto á cantante Rosa Cedrón. Os seus músicos tamén participaron en convivencias ou actuacións con outras formacións e mesmo se integraron na Banda Sinfónica da Terra Chá.










