Marta Mancebo / El Progreso (A Chaira).
A empresa galega de contratación e promoción musical Castrexo Produciöns, creada polo guitiricense Anxo Castelo Cuesta, programa un novo evento festivo para este verán en Guitiriz, o Pardiñas Rock, coa participación de Barricada e La Leñera o 3 de agosto.
Gran consumidor de música e asistente asiduo a festivais de rock, Anxo Castelo, promotor musical e fundador de Castrexo Produciöns, transformará en realidade un soño personal. Xa que, gracias a este guitiricense, ao mítico festival folk de Pardiñas unirase un evento pioneiro que achegará a bandas tan recoñecidas no mundo do rock como Barricada, La Leñera, Bastards on Parade, Mongollica ou Leite de Nai. O prezo das entradas anticipadas será de dez euros, doce en taquilla.
Como xurdiu a iniciativa de crear un festival destas características en Pardiñas?
É todo culpa miña, era un soño para min. A verdade é que parte dunha idea que me levaba tempo voando na cabeza e que, incluso, xa intentei poñer en práctica o ano pasado, aínda que ao final quedou en nada. Este ano, déronse as circunstancias axeitadas para poñelo en marcha. Cando me quixen dar conta, xa estaba metido de cheo na súa organización. Foi todo bastante rápido, no aspecto de que organicei todo nos últimos dous meses e medio. Iso si, en todo ese tempo non fixen máis que traballar, día tras día e de maneira moi intensa no festival.
Por que se decantou por este lugar?
É evidente que se intenta aproveitar un pouco o tirón do Festival de Pardiñas tradicional, máis ao mesmo tempo inténtase que vaia da man do mesmo, creando así un todo que conforme unha oferta cultural variada e rica na primeira fin de semana de agosto en Guitiriz. Preténdese que gran parte da xente que acostuma a achegarse ao Festival de Pardiñas se anime a vir xa o venres, para sumarse á xente que virá ex profeso e á propia xente do pobo para gozar da experiencia completa.
17/07/2012