UN FALAR
As estradas de Escher
04/08/2012 - María Xesús Nogueira
Sempre me deu un pouco de lástima a fachenda coa que se falou da modernización da rede viaria galega, especialmente das súas obras máis emblemáticas que, coma todo, chegaban con atraso e en ocasións tan só resolvían problemas moi puntuais. Teño escoitado gabar con paixón o labor feito nas últimas décadas en materia de obras públicas e o cambio que experimentara Galicia en cousa duns anos. Teño tamén asistido á euforia que no seu momento suscitou a presenza de maquinaria pesada aquí e alá, asumida como un sinal de progreso e obviando, iso si, que o que se estaba a construír nalgúns casos non ía ser un servizo gratuíto senón suxeito a unha custosa peaxe. O paso do tempo desvelou desequilibrios moi importantes na planificación dunha rede viaria que sen dúbida transformou un país de corredoiras, pero fíxoo dunha maneira inxusta e asimétrica. Infraestruturas que foran no seu día inauguradas con pompa resultan agora cuestionábeis, cando menos nesas dimensións, pola súa baixa ocupación, mentres que a densidade do tráfico nalgúns traxectos non foi aínda resolta. Nin o desenvolvemento da rede ferroviaria, coa súa xeografía esquecida, nin a freada causada pola crise axudan a resolver un problema que semella endémico.
En tales pensamentos ía eu enredada nunha viaxe recente e penosa entre Santiago e Lugo -un dos traxectos marxinados na rede (ferro)viaria- por unha das alternativas gratuítas, neste caso a coñecida como estrada de Curtis. Podería pensarse que a operación saída que acababa de comezar oficialmente era a causante da caravana que percorría con morosidade as chairas, de non ser polo elevado número de camións, furgóns e furgonetas rotuladas que ese día estaban a transitar. O boletín informativo lembroume outro factor que se engadía ao aumento de vehículos na xornada: o recente encarecemento da peaxe da Autoestrada do Atlántico, alternativa que absorbe, como é sabido, unha parte importante do tráfico entre as dúas cidades. Recordei daquela as protestas empresarios e profesionais da estrada, así como a advertencia dalgúns camioneiros, obrigados a abandonar a autoestrada polo seu elevado custo, acerca do perigo que supuña incrementar o tráfico pesado en vías que atravesan núcleos de poboación.
A subida das xa de por si caras peaxes nun contexto económico como o que estamos a vivir ralentizará, de seguro, o tráfico por estrada, aumentará talvez a acumulación de accidentes nalgúns tramos e, sobre todo, aumentará as diferenzas: fará máis grande a fenda entre as persoas que poden asumir as peaxes e as que non, e entre as favorecidas pola xeografía das infraestruturas e as que non. Tal era o meu sentir na caravana que se movía lenta polas chairas, e talvez o de moitos que estaban a conducir por tramos convertidos en interminábeis estradas de Escher.










