El Progreso

Galiciae

REBULIR

Que verde era o meu val


Etiquetas: Jesús Varela Zapata, rebulir

Jesús Varela Zapata.

Danny Boyle, director de cine, foi o encargado de organizar a cerimonia inaugural dos Xogos Olímpicos. Supoño que lle deu voltas á cabeza sobre o tema que elixiría como fío condutor do espectáculo, tendo en conta que o visto en edicións anteriores, en Barcelona ou Pekín, tiña asombrado ao mundo. Despois de ver a posta en escena de Londres penso que a principal inspiración veulle dun poema, concretamente un de William Blake titulado ‘Xerusalén’, composto a principios do século XIX, ao que, cen anos máis tarde, Hubert Parry púxolle música. Hoxe é un himno patriótico que os ingleses cantan tanto nos estadios como nas igrexas ou nas universidades; a diferenza con España, que só ten medio himno (non ten letra) é abismal. No caso español, ademais, dáse a circunstancia de que unha parte da cidadanía rexeita os acordes patrióticos porque os identifica con todo tipo de males, a saber, a ditadura e o centralismo ou españolismo. Pero os ingleses, ademais de cantar con ardor ‘God Save the Queen’, adoran este poemiña romántico, no que se alude a unha lendaria visita que Cristo tería feito a Inglaterra, para contemplar a beleza dos verdes montes e praderías. Porén, o poeta mostra preocupación pola aparición dos novos centros industriais que ameazan con esnaquizar esta visión idílica do país. Pero o feito é que, como ben reflectiu Boyle na cerimonia olímpica, Inglaterra foi quen de facer compatible o progreso coa preservación do medio natural. Podemos recorrela de norte a sur como unha ledicia para os sentidos (cando o tempo o permite), sen atopar unha soa nota discordante, o que aquí chamamos feísmo, na paisaxe de rexións enteiras como Dorset ou East Anglia. Ese esmero, como digo, vén de atrás; cando o mundo aínda non sabía que era o ecoloxismo, a escritora Beatrix Potter empeñou a súa vida e facenda en preservar as terras do Distrito dos Lagos. A rede de sendeirismo que existe en Gran Bretaña é impresionante; hai rutas de máis de catrocentos quilómetros (Peninos) e outras entre douscentos e trescentos (Cleveland, Costwold, Downs, Pembroke, Támesis). Como teño dito, isto non impediu que os británicos conseguiran chegar a ser a primeira potencia industrial de Europa e, como reflicte Boyle no seu espectáculo olímpico, unha nación punteira en ciencia, tecnoloxía e artes. Por certo, que esta contribución é maior se temos en conta a herdanza que deixaron en América. O certo é que, tamén os Estados Unidos fixeron compatible o desenvolvemento económico co respecto polos espazos naturais, cos que se chegaron a relacionar dun xeito case místico ou relixioso, como é o caso dos chamados transcendentalistas. A vivenda do estadounidense medio é unha homenaxe á paisaxe e a harmonía co entorno; por moito que valoren a individualidade e a independencia, a ninguén se lle ocorre poñer antiestéticos valados ou muros arredor dunha casa, como os que afean os nosos campos; pola contra, sitúan estratexicamente algunha árbore ou pequenos arbustos para delimitar a parcela. Hai só catro anos Galicia aprobou unha lei de protección da paisaxe, tan necesaria, pero tan tardía. De seguro que Danny Boyle, de se inspirar na nosa campiña, non podería facer o mesmo show. Aquí o espectáculo montámolo nós.

05/08/2012