En memoria de Ángel González González
21/10/2008 - Francisco Sineiro
Hai xa dous anos que nos deixou o amigo Ángel González, que foi crego do Incio durante un bon número de anos.
E hai tempo que quixen dedicarlle unhas notas ao amigo, á persoa afable e preocupada que sempre foi Ángel.
Coñecino hai máis de vinte anos e sempre me interesou o seu xeito de observar, de preocuparse polos demais, de axudar, de practicar uns valores que para el como crente tiñan unha base relixiosa, pero respectando aos que os entendían só desde a vertente dá ética e dos valores civís.
Ángel foi unha persoa sempre dispoñible para axudar, para participar en traballos colectivos, fora nunha obra veciñal ou nun pastizal no monte de veciños. Tiña ademais unha vena que me sorprendera a primeira vez que o escoitara interpretando cantares de cego, nos que buscaba e pedía a participación de todos, ben facendo vos coros ou simulando a música da zanfoña. Estes cantares tampouco tiñan desperdicio, pois recordo o conto do home que era tan ruín que ata o abandonaba a súa burra, e Ángel nos dicía ao final, non hai que ser así, senón vos ides quedar sós e sen burra.
Pero o que máis recordo de Ángel son as súas preocupacións de fondo polo declive e abandono da montaña e do rural. Francisco, dicía, non fago máis que enterros e xa case non sei o que é un bautizo.
E tiña razón Ángel. A súa comarca perdera case un 20% de poboación nos últimos quince anos, pero o que era aínda máis preocupante, case a metade da xente nova por debaixo dos vinte anos. Con eles vai ou noso futuro. Dicía e tiña razón.
O plan de Ángel era simple de explicar, pero máis difícil de levar á práctica. Sen traballo non aguanta a xente nova, pero para ter mellores traballos hai que ter educación. Ademais hai que dispor dunhas condicións de vida dignas nos servicios de saúde, na atención aos
maiores e para poder desprazarse para afora por motivo do traballo diario ou dunha urxencia. A agricultura soa non chega para cubrir as necesidades actuais.
Deste modo Ángel ía desgranando os valores e os dereitos do estado de benestar, da social democracia que sempre defendeu. Dereitos á educación, á saúde, á protección social, á asistencia aos maiores.
E tamén ía establecendo as bases do desenvolvemento das zonas rurais. De abaixo a enriba Ángel ía establecendo os principios prácticos aos que outros chegaban percorrendo o camiño contrario.
E Ángel aínda engadía outro principio básico: sen cacicadas, as cousas han de facerse pola orde das necesidades e non das amistades.
Ángel, amigo te lembro e saúdo onde queira que esteas, aínda que eu sitúoche vagando polos aires do Incio. Ata sempre, amigo, ata sempre, compañeiro.
No puedes valorar tus propios comentarios.
Ya has valorado este comentario
Serán borrados los comentarios que contengan insultos y/o contenidos inadecuados.
Para cualquier duda, consulta la guía de comentarios.







