A culpa é do vento


Etiquetas: lume, opinión, Juan Antonio Pinto Antón

16/08/2012 - Juan Antonio Pinto Antón

O VÍRUS BÍPEDE está a arrasar o planeta. Co lume, no verán. En Valencia, en Cataluña. En Canarias arden ata as pedras volcánicas e o bosque de néboa do parque Garajonay, na Gomera. Agora toca Galicia. Como cada verán mostramos o peor de nós mesmos. Nin raios, nin fatalidade: autoxenreira, desprezo polo noso. Tócalle desta volta a Valdeorras. Moi ufana declara a Conselleira de Medio Ambiente que nos traballos de control do xigantesco incendio non faltan medios: hai overbooking. A saber: técnicos, forestais, sesenta brigadas, xente da UME, aquela ‘ocorrencia’ do anterior goberno, un total de 900 efectivos. E ademais 13 helicópteros, 16 avións. Cada hora dun deles custa 2700 euros. Canto vai facturar este desmesurado dispositivo? Por que estes centos de miles de euros non se invisten nesta deprimida comarca para fixar poboación alí onde falta xente?

Porque o rural galego hai tempo que acendeu sinais de alarma. O máis dramático é que non hai relevo xeracional na cultura da terra, na ocupación do territorio. A economía que estraga a terra non quere vacas, leite, patacas. Interesa a depredación rápida do eucalipto e os ventos do deus Eolo que tanto producen para ninguén sabe quen nin onde. Non hai futuro nin calidade da vida que ancore a xente nova á terra. Sobe o prezo do penso e baixa o leite. Sobe o gasóleo nunha espiral especuladora e malvéndense as patacas. O rural é territorio comanche para recortes. Pechamos escolas: quen escoita o berro desesperado das familias da montaña? Unha decisión xorda e miope pechou Preescolar na Casa. Se recorta en dependencia aos velliños que aínda manteñen con traballo, presenza e pensións un fiíño de vida. Apenas hai produción hortícola máis aló do autoconsumo dos que pouco consumen. Abandónanse as terras de cultivo e o futuro pasa por seguir á espera de axudas e subvencións dunha Europa que quitou a carauta da solidariedade para descubrir o rostro da usura, do capitalismo salvaxe.

Somos un país fráxil con moitos vellos e poucos nenos. Ata cando manterá o desequilibrio a pirámide demográfica que semella unha buxaina? Titulados como os médicos que costan 300.000 euros por carreira, emigran para producir fóra o que tanto costou formar dentro.

Chegou o verán. Hai seca. E lume no monte con ventos racheados e cambiantes. Os asasinos das árbores escapan impunes e volven cada ano ao lugar do delito. Perdemos anacos do noso mantemento: os ecosistemas. E a nosa principal riqueza, a paisaxe, patrimonio de todos. Nunca tantos helicópteros e avións voaron no ceo negro de Valdeorras. Nunca estiveron vales e montañas tan poboados. Xente loitando contra o lume. Pero seguimos sen atopar solucións nin aos responsables da desfeita crónica. Se cadra, a culpa é do vento.

5'0 (21 votos)

valorar_registrado


Acceder Crear usuario

valorar_propios



valorar_valorado



3 comentarios

comentarios_interesa guía de comentarios.


#3 Por Salas 17-08-2012 11:29

Normal

A mi modesto modo de ver desde que el negocio privado se hizo cargo de apagar el fuego los incendios se dispararon. El dueño de la compañía privadas de helicópteros, o de hidroaviones qué hacen con ellos si no hay lume en el monte?


#2 Por Chadiano 17-08-2012 10:46

Normal

¿Excesivamente pesimista ou excesivamente real? ¿Coñeces ti a comarca de Valdeorras? Despois do gran incendio onde se queimaron máis de 2000 hectáreas por moito que minta a Xubta aquí só queda a cinza, ¿onde marcharon os millóns que costou apagalo?


#1 Por Hsoto 17-08-2012 10:17

Normal

Excesivamente pesimista


Acceder Crear usuario

co_explica





captcha

Cambiar por outro


co_pouco_html
co_etiquetas_html