UN FALAR
As camisetas son para o verán
18/08/2012 - María Xesús Nogueira
Hai tempo que as camisetas, sacadas do armario para seren lucidas como parte do vestiario exterior, se converteron en soportes de mensaxes variadas. O humor, a ironía, os xogos de palabras, a memoria e a protesta entraron a formar parte, a través da linguaxe, da nosa vestimenta cotiá. Lendas impresas en camisolas diferenciaron tribos rurais e urbanas, movementos reivindicativos, nostálxicos e seguidores de tendencias diversas. A noutrora informal roupa chegou mesmo a ampliar os seus dominios para introducirse, grafiteada, en ámbitos formais.
Entre nós, non foron poucas as transformacións que se levaron a cabo nos últimos anos no sector. Non hai moito que as camisetas de temática xacobea -cunchas, peregrinos e outros ornamentos- e aquelas que exhibían en letras bordadas ‘Galicia’ eran as únicas que se penduraban nas tendas de souvenirs. A explosión de mensaxes impresas promovida por algunhas firmas especializadas encheu de humor e atrevemento o peito de moitas persoas que mesmo chegaron a facer da prenda un sinal de identidade. O enxeño e a retranca que rebordaban lendas como ‘Somos unha ración’, ‘Galicia no país das marabillas’, ‘Habelas hainas’, ‘Santa Companha: The Real Spirit of Galicia’, ‘Eu falo galego’, o irreverente ‘Algho farías’, estampado debaixo dunha crucifixión, ou o infantil e certeiro ‘Se eu non durmo non dorme ninguén’, constitúen tan só unha pequena mostra da imaxinación explotada con acerto por unha industria que non só está a producir pezas esteticamente elaboradas (o traballo iconográfico é notábel) senón que soubo conquistar e ampliar os seu mercado nuns tempos nos que a nosa roupa revela tanto de nós.
Botar unha ollada ás tendas de camisetas é polo tanto tamén unha maneira de coñecer un país. Arrumbado o mostrario do insulso recordo clásico, a oferta adoita incluír lendas globalizadas, habitualmente en inglés ou traducidas, moitas delas cun significado explícito eu figurado de índole sexual e case sempre egocéntrico, como se unha imaxe impresa sobre a tea valese máis que moitas palabras que non nos atrevésemos a dicir. Divertida entre semellante oferta, soprendeume ver nalgunhas camisetas gregas lendas alusivas á situación económica do país. Máis que o a obvia reformulación de beber para olvidar, ‘Drink ouzo. Forget Crisis’, admiroume a camiseta na que se podía ler, debaixo da inscrición ‘Greek Crisis’, a seguinte enumeración, imitando unha listaxe cos correspondentes recadriños riscados: ‘No Job. No Money. No Problem’. As lecturas poden ser moitas: rendibilización dun drama, capacidade de distanciamento para se observar a un propio con humor, ou toda nunha filosofía: «No problem». As camisolas din ás veces moito, moito máis, de seguro, do que quen as deseña ou quen as loce querería dicir.










