REBULIR

Oremus


Etiquetas: Jesús Varela Zapata, rebulir

19/08/2012 - Jesús Varela Zapata

En Francia ou Gran Bretaña moitas igrexas teñen sido pechadas por falla de fieis. Eu xa teño estado nalgunha que foi reconvertida en calquera tipo de tenda ou negocio; concretamente en Cambridge hai unha na que conviven unha librería, un pequeno bar e, ao fondo, separado por unha mampara, o altar, perfectamente disposto para o servizo relixioso. Este cristianismo feble contrasta coa puxanza do islam, que non só mantén a súa presenza no mundo, senón que recupera en Europa o terreo que ceden outras confesións. Xa se ten certificado que en Francia hai máis practicantes musulmáns que católicos; tantas mesquitas se necesitan que mesmo se ten suxerido reconverter antigas igrexas en lugares de culto islámico, volvendo do revés o proceso que se vivira en lugares como Córdoba, onde a antiga mesquita é hoxe catedral. Se cadra, esa foi a salvación do edificio que, noutras circunstancias, tería sido derruído, como calquera outro que perde a súa función. Así ocorreu con milleiros de mosteiros por Europa que, pasado o apoxeo das ordes relixiosas, foron quedando baleiros. Particularmente en Inglaterra, onde os frades foron expulsados por Enrique VIII, apenas quedaron en pé as capelas, grazas a que foron reconvertidas en parroquias; en España sucedeu algo semellante coa desamortización. Hoxe vívese un proceso paralelo coas modernas catedrais do capitalismo que son os centros comerciais. En España aínda se están a construír os últimos, como símbolo de modernidade e progreso, pero en Estados Unidos xa comezaron a voar con pólvora os que se tiñan levantado en exceso ou en lugares inapropiados; para os outros buscan usos alternativos e variados, desde sedes de empresas a aulas universitarias. Claro que, entre prescindir dunha mole de formigón nun suburbio calquera e unha catedral románica ou gótica, hai unha grande diferenza. Mesmo penso que cando Deus, ou quen estea ao mando nese momento, aperte o botón para que teña lugar a fin do mundo, ten que sentir pena de ver como se derruban as catedrais de Burgos, Notre Dame de París e Colonia, ou as pequenas igrexas románicas da nosa Ribeira Sacra. Non só polos seus indubidables méritos artísticos, senón tamén polo pouso espiritual que albergan. Cantos séculos de rezos e pregarias teñen escoitado eses muros milenarios; canto sufrimento, canta esperanza, de homes e mulleres elevando as súas súplicas. Hoxe moitos templos están baleiros; é evidente que a época actual en occidente está marcada pola auxe do pensamento ateo, e o seu derivado, o agnosticismo. Figuras como Richard Dawkins, Peter Atkins, Christopher Hitchens ou Fernando Savater fixéronse asiduos nos medios de comunicación explicando o seu escepticismo sobre o papel das relixións. Porén, o filósofo suízo Alain de Botton, tamén ateo recoñecido, ten lanzado unha suxerinte idea: facer templos para os que non cren. El recoñece que ten envexa das relixións e dos seus lugares de culto. Non é de todo orixinal; antes que el, os masóns, por exemplo, fuxindo da relixión, crearon unha liturxia laica. Calquera que visite a súa sede central en Londres, un espléndido edificio Art Decó, dos anos trinta, darase conta de que semella unha copia de calquera templo cristián. O home segue a buscar un sentido espiritual e transcendente á vida, e igrexas e catedrais son o símbolo máis claro desa inquedanza. Que teñan mil primaveras máis.

5'0 (1 votos)

valorar_registrado


Acceder Crear usuario

valorar_propios



valorar_valorado



¿Comentas?

comentarios_interesa guía de comentarios.


Acceder Crear usuario

co_explica





captcha

Cambiar por outro


co_pouco_html
co_etiquetas_html