ENTREVISTA

Fernández Paz: ''Hai adultos que non lerían 'O neno do pixama a raias' nunha colección de rapaces''


Etiquetas: niños, literatura, premios, Vilalba, Fernández Paz, entrevista

25/10/2008 - Jaureguizar / El Progreso (Lugo)

Habia anos que Agustin Fernandez Paz agardaba pola chamada do ministro de Cultura para notificarlle que ganara o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil (LIX). Tras ser finalista varias veces e perder a esperanza, o pasado xoves recibiu a chamada cando regresaba dende Vilalba a Vigo, pois levara o galardón por O único que queda é o amor.

Información relacionada

A listaxe dos libros que escribiu é case que tan longa como a de premios que recibiu. Hai tres anos, tras gañar o enésimo galardón, anunciou que non se presentaría a máis certames. Unha reviravolta do destino quixo concederlle un premio máis, un dos máis importantes que pode recibir, do que fala na entrevista que publica este sábado El Progreso na súa edición impresa.

Podería dicirme cantos premios ten?
Pois non o sei agora... tería que miralo nun ordenador. Pero eu no me presentei ao Premio Nacional. Hai anos que non me presento porque fun moi afortunado e teño unha chea deles. Deixei de presentarme porque entendo que os premios están para descubrir novas voces. Os premios son fundamentais porque dan visibilidade ás obras e dante a coñecer a novos lectores.

A visibilidade é a fronteira entre quedar de finalista do Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, como lle aconteceu a vostede varias veces, e ser gañador.
A miña relación con este premio é moi peculiar. Fun finalista cinco ou seis veces, quedando de segundo. Cheguei ao punto de que prefería non saber se estaba de finalista. Tras varios anos, neste a sorte caeu do meu lado.

Como lle foi dende a chamada do ministro de Cultura?
Nin lin os periódicos. Todo foron chamadas de xornalistas e de amigos.

Houbo unanimidade entre os seus colegas a respecto de que vostede merecía este galardón. Algo raro entre escritores.
¡Home! Toda persoa que se prece debe ter inimigos, o que acontece é que eu non levo a conta. Pode ser o tópico de ser boa persoa... e podo ser un pouco parvo.

Por que pensan que premiaron O único que queda é o amor e non os libros que foron finalistas con anterioridade?
Houbo libros meus nestes anos que poderían ter merecido o premio. Os que andaron máis cerca foron Aire negro, Corredores de sombra e O centro do labirinto, que quedaron segundos. Quedar durante varios anos entre os finalistas ten o valor importante de que algo deben de ter, de que non ía por mal camiño.

Este galardón concédese dende hai trinta anos e temos catro gañadores galegos. Non son poucos para unha literatura para rapaces da calidade que ten a nosa?
Os premios non son un criterio obxectivo. O importante é a calidade da nosa produción e que cada ano hai cinco ou seis libros que van quedar. Pero si é certo que houbo libros que mereceron este recoñecemento. Que lembre agora: Armiño durme, de Neira Cruz, ou Rúa Carbón, de Marilar Aleixandre, por exemplo.

A que atribúe o feito de que a literatura infantil e xuvenil galega teña un constante recoñecemento exterior con premios e traducións?
Quizais o secreto estea en que os tópicos da literatura para rapaces non enraizaron tanto, porque somos máis dispares e libres. Por exemplo, hai unha regra no escrita que que di que os protagonistas teñen que ser nenos ou rapaces. Eu fago moitas historias con adultos. A única diferenza da literatura infantil e xuvenil (LIX) é que non debe ter complexidades formais. O Ulises de Joyce non é LIX, pero O neno do pixama a raias ou La sombra del viento si o son e véndense en coleccións para adultos. Hai lectores adultos con prexuízos, que non lerían O neno do pixama a raias se estivese nunha colección para rapaces. Eu sempre teimei por borrar as fronteiras entre literatura para mozos e para adultos, que son algo discutible e O único que queda é o amor foi un intento máis.

Vén vostede de prexubilarse. É tempo de mirar atrás. A conclusión é que o único que lle quedou de todos estes anos foi o amor.
Non descubro nada novo, pero cando somos novos perdemos o tempo con cousas pouco importantes, e acabamos por decatarnos de que o importante son os afectos.

Volve traballar cos sentimentos no que será o seu vindeiro libro, Lúa do Senegal.
Si, é unha historia de inmigración, dunha rapaza de once ou doce anos que chega a Vigo procedente do sur do Senegal porque o seu pai emigrou e solicitou o reagrupamento familiar. O libro conta o verano anterior ao comezo do novo colexio, hai unha tensa espera. Todo acontece na cabeza da rapaza e iso fíxoo máis difícil por non ter trama.

Abandonou definitivamente a Lovecraft?
Oh! Non, non. Estou escribindo relatos de terror. É un tema inagotable, como o amor.

 
O título do volume premiado, O único que queda é o amor, procede da novela Neve, de Orhan Pamuk, pero ía chamarse cunha cita dun filme de Wong Kar Wai, Todas as lembranzas son sucos de bágoas.

A que se debeu o cambio de título?
A frase de Wong Kar Wai ten un ton melancólico e triste. A de Pamuk é polisémica e ten unha faciana amarga, pero tamén positiva. O meu libro ten un pouso triste, pero tamén positivo porque é un canto de amor á vida.

...e de amor polos libros. Outro galego, José Ángel Valente, está presente en todo o libro.
Podería dicir que Valente acompáñame dende finais dos anos setenta. Sei de memoria poemas seus. En todos os meus libros hai un personaxe que le libros. De certo xeito, cando cito frases doutros autores, pretendo animar o lector para que busquen outros libros e tamén películas.

Está vostede nun momento da vida no que se comeza a reler libros e remirar películas, pero fala de Pamuk ou de Wong Kar Wai.
Eu vivín no mundo dos sesenta e agora vivo no mundo do 2008. Intento estar ao día en música, literatura e cinema. Ando coa terceira tempada de Los Soprano. Teñen uns diálogos impresionantes. Son o Shakespeare do século XXI. O escritor vigués Marcos Calveiro felicitoume cun fragmento da película In the mood of love, de Wong Kar Wai. Iso emocionoume moito.

4'8 (5 votos)

Para valorar comentarios debes estar registrado.


Acceder Crear usuario

No puedes valorar tus propios comentarios.



Ya has valorado este comentario



¿Comentas?

Serán borrados los comentarios que contengan insultos y/o contenidos inadecuados.
Para cualquier duda, consulta la guía de comentarios.


Acceder Crear usuario

Puedes comentar sin tener que crear un usuario, pero es recomendable si quieres acceder a todas las funcionalidades de los comentarios (votaciones, karma, foto personalizada)





captcha

Cambiar por outro


Un poco de HTML está bien
Puedes usar algunas etiquetas HTML <a></a>, <b></b>, <s></s>, <u></u>, <i></i>