Sonlles así

Os comentarios machistas do candidato Arias Cañete reflicten unha mentalidade antiga,  prexuizosa e pouco aquelada á propia dunha sociedade europea, moderna e avanzada. Chove sobre mollado, porque xa no 2000 proclamara nunha das súas ocorrencias que o regadío había que usalo con xeito, como ás mulleres. E, para a nosa desgraza non é o único caso. Porque estamos diante dun fenómeno bastante xeralizado na sociedade. Hoxe é o machismo, mais tamén o racismo e  a homofobia.

As persoas prexuizosas, que acreditan que a homosexualidade ou  transexualidade son doenzas, que a muller é unha cidadá de segunda ou que os brancos sómoslle máis listos ca os negros non constitúen unha excepción illada, malia que por sorte non sexan  maioría. Pero é indubidábel que teñen certa presenza en determinadas elites, como concordarán os que de xeito cotián ou espallado partillen determinados ambientes. Os que tiñan que dar exemplo coas súas actitudes democráticas e integradoras moitas veces non o dan. E, claro, tras dun homófobo Putin hailles millóns de rusos. Como son moitos centos os que apupan aos xogadores negros nas canchas de fútbol españolas ou italianas.

Di SOS Racismo Galicia que o problema xa o temos nas nosas cidades.  Que nos centros de ensino e no Twitter multiplícase o acoso ás persoas de pel escura. E os observatorios de violencia de xénero denuncian que moitos  dos nosos adolescentes teñen interiorizado roles patriarcais: mulleres submisas e homes ciumentos.

En realidade unha mentalidade machista, homófoba ou sexista é propia de persoas pouco intelixentes, reaccionarios e refractarios ás novidades. Velaí que sexa un problema, nomeadamente, de educación. Mais tamén pode chegar ser un problema de convivencia cívica e de seguridade cidadá.

O que é máis seguro, polo de agora, é  non acreditar nesta caste de personaxes para dirixir nin a comunidade de veciños. Porque, como moi ben saben vostedes, sonlles así.

Comentarios