OS CEN anos de El Progreso esixen algo máis que unha soa entrega desta columna, e tal é a nosa intención tendo en conta que este tipo de efemérides deben espallarse durante cando menos un ano, xa que comemoran nada menos que un século de permanencia, unha longa xeira sempre pero agrandada no caso dunha empresa cultural.
O certo é que este inicio tráenos á memoria moitos dos introitos que caracterizaban a un dos colaboradores históricos deste xornal, Dionisio Gamallo Fierros: "Me propongo iniciar una larga serie de artículos...", ainda que logo, polo xeral, non pasaban de dous ou tres e á inacabada serie sucedíalle outra sobre os mais variados temas e impares biografias. O certo é que, para quen isto asina, as primeiras lembranzas de El Progreso están vencelladas con persoas xa desaparecidas, que un tivo a sorte de coñecer e tratar. É, por exemplo, o caso de Ánxel Fole, creador e director de Táboa redonda, a páxina literaria de aquel periódico de enorme formato na que tivemos a sorte de colaborar cunha ocasional sección dedicada aos libros. E aberta a gaveta das lembranzas debemos engadir que a primeira noticia de Fole tivémola, sendo moi novos ao ler a dedicatoria, con peculiar caligrafia do seu Á lus do candil: "Á Biblioteca O Vello Pancho, moi agarimosamente, 17-10-1959". Andando o tempo non só tivemos o pracer de colaborar na súa páxina, senón tamén o de artellar a montaxe da obra teatral Pauto do demo e, nunha memorable xornada, contar coa súa presenza na Feira do Libro de Ribadeo para presentar a reedición de Terra brava feita por Galaxia. Daquela viñera na compaña de outra figura excepcional do universo cultural lucense, Celestino Fernández de la Vega.
En fin, o certo é que antes de descreber a paisaxe situamos nel as figuras, pero dentro do neboeiro do pasado aparece tamén nos nosos tempos de estudante a figura lanzal de D.Puro saindo da sé do xornal. Nunca falamos con el, ainda que si tratamos ao seu fillo, o terceiro Purificación verdadeiro artífice da transformación e modernización do periódico. Pero antes diso, nidiamente, remanece na lembranza unha ampla sala de redacción ateigada de máquinas de escreber, o rebulir dos xornalistas, as enormes e asombrosas linotipias, unha verdadeira marabilla para quen só coñecia antes o obradoiro do semanario La Comarca; e tamén a rotativa e —nun alarde de aproveitamento do espazo—, todo situado na rúa do Progreso que non tiña ainda ese nome como oficial, ainda que si na realidade. Instalacións engaiolantes visitadas todos os anos con grupos de alumnos con foto ao remate do itinerario publicada ao dia seguinte para regalia dos rapaces.
12/11/2008