Nos bordos da fotografía

Datos de interés

  • Sábado 10.01.2009

UN FALAR

Nos bordos da fotografía


Etiquetas: Maria Xesús Nogueira, Un falar, fotografía

Maria Xesús Nogueira .

No mundo de aparencias que habitamos, o ámbito da cultura é tamén, as máis das veces, un inmenso decorado no que se van colocando os personaxes, uns por vontade do director ou esixencias do guión, outros por vontade propia. Se fose posíbel tirar unha fotografía cun gran angular, quedaría plasmada nela unha gramática do movemento escénico de valor incalculábel para o mercado das chamadas industrias culturais. O retrato desvelaría ademais algunhas estratexias de promoción que baterían como unha labazada na inocencia de moitos.

A maxia do zoom axudaríanos a identificar nesta imaxe rostros borrosos polo descoido das súas poses, situados a miúdo nos bordos da fotografía, sempre nun segundo plano, por máis que o director de escena os chamase ao lugar que deberan ocupar. Son personaxes
distraídos nas súas tarefas, que elaboran o seu traballo de costas á galería e que, malia a súa discreción, resultan ser figuras luminosas.

Este outono aciago para as letras galegas levou dous escritores que desde hai anos acordaran desempeñar o seu oficio nun recanto do decorado, afastados dos círculos literarios, dos focos e das comparecencias públicas. O primeiro deles foi Anxo Rei Ballesteros, autor, entre outras, da extraordinaria novela Dos anxos e dos mortos, onde trazou o retrato da Compostela dos anos setenta. A calidade da súa obra, dunha gran modernidade e dunha evidente vocación rupturista, non se corresponde coa súa valoración na historia recente da literatura galega. A decisión de se apartar dos núcleos do sistema literario deixará nas mans da historia a valoración dunha das propostas máis interesantes da narrativa contemporánea. Neste mesmo outono, hai tan só unha semana, deixounos tamén outro narrador de referencia: Camilo Gonsar. Asociado ao movemento renovador da prosa que se coñeceu co nome de Nova Narrativa Galega, desenvolveu tamén a súa obra
lonxe do mundo literario. A súa discreción contrasta igualmente coa coherencia no oficio de quen foi autor doutra emblemática e anovadora obra, Cara a Times Square.

Os flashes das cámaras iluminaron tamén este xoves, contra a súa vontade, a figura de Antón Santamarina, cuxa mesa de traballo mandou poñer nun segundo plano da fotografía, á beira dunha ventá aberta ás paisaxes da Fonsagrada natal. A ocasión foi neste caso feliz: a homenaxe que lle rendeu a Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago como tributo aos anos e esforzos que dedicou ao estudo da lingua e a cultura galega. O acto foi un emotivo recoñecemento ao oficio coherente –e como tal, por forza controvertido– que desempeñou con rigor, honestidade, desinterese e discreción, cualidades todas elas prezadas e bens escasos na fotografía da cultura contemporánea. 

15/11/2008

0'0 (0 votos)

valorar_registrado


Acceder Crear usuario

valorar_propios



valorar_valorado



¿Comentas?

comentarios_interesa guía de comentarios.


Acceder Crear usuario

co_explica





captcha

Cambiar por outro


co_pouco_html
co_etiquetas_html

Opcións

Buscar + información sobre





Publi


El Progreso
Rúa Ribadeo s/n, Lugo · Tlfno: 982 29 81 00
Grupo El Progreso