Non sei a quen lle pode parecer lóxico que unha empresa pague un anuncio dunha páxina completa nun xornal con só dúas ou tres palabras, un debuxo ou unha foto, facendo publicidade ou slogan do seu produto. O paradoxo consiste en que se o consumidor quere decatarse das verdadeiras condicións da oferta, o que parece máis que lóxico, debe esforzarse para lelas nunha letra tan pequena que só está ao alcance de verdadeiros linces ou daqueles que dispoñan dunhas boas lentes de aumento; en ocasións nin así é posible xa que, nestas circunstancias, un simple exceso ou defecto de tinta deixa a mensaxe tan borrosa que fai imposible descifralo.
Haberá quen pensa que a letra pequena contén detalles menores, pero adoita suceder o contrario. Nun anuncio que se pode ver estes días en prensa, ofrécese un produto financeiro do que se pregoa que é da máxima calidade; con todo, ao pé de páxina, non sen dificultade, advírtese que «o capital non está garantido». Gustaríame saber que opinarían os responsables (ou irresponsables) que hai detrás desta estratexia enganosa se un xuíz, avogado, médico ou a Administración se dirixise a eles para un asunto do seu interese recorrendo a similares procedementos. Con razón, considerarían lesionados os seus dereitos.
Outra estratexia moi utilizada é a oferta telefónica de produtos co obxectivo de que o cliente dea a súa conformidade no mesmo momento. Só despois de que se considere realizado o contrato, quizá coa primeira factura, poderá o sufrido consumidor coñecer o alcance das obrigacións que contraeu. Se se arrepinte, as facilidades que lle deron para darse de alta convértense en auténticos labirintos para tramitar unha baixa. Por outra banda, esta mesma semana viamos como centos de persoas, entre eles moitos galegos, quedaban abandonados á súa sorte por unha compañía aérea nun aeroporto de Roma. Tardaron case unha semana en solucionar o problema, requirindo a intervención do consulado español. De feito, o sector das viaxes merece especial atención. Cantas veces vimos anuncios de prezos sospeitosamente baixos aos que despois hai que engadir os máis variados recargos, por emisión de billete, pago con tarxeta, aumento do prezo do combustible, propinas, seguros ou facturación que duplican ou triplican a tarifa nicial.
Todo isto ocorre nun momento no que pensabamos que as leis e as asociacións nos tiñan protexidos das quenllas da mercadotecnia e os departamentos de vendas, pero falta moito para acadar o logro. Xa que logo, se non atopamos remedio, no canto de consumidores acabaremos sendo unha especie de picapleitos.
15/11/2008