Dérono estoutro día polas televisións e non fomos poucos ós que nos produciu un sorriso dos de verdade. Se cadra non se trata de algo orixinal e é unha maneira de dicir relativamente usual que eu nunca antes oíra e que por iso me chamou a atención. Refírome a unha das respostas que o senador estadounidense John McCain, recente candidato —perdedor— á presidencia dos USA polo partido Republicano, deu ó seu entrevistador nun dos programas máis vistos do mundo dos mass media. O presentador quixo saber como lle ía na súa vida persoal despois da derrota electoral fronte ó demócrata Barak Obama e preguntoulle que tal durmía desde o primeiro martes de novembro e McCain respondeu sorrindo: «Coma un bebé...». Fixo unha lixeira pausa, e seguiu: «...Espertando cada dúas horas para chorar...». (Falo a partir das traduccións que se nos deron na tele)
Veume de contado á cabeza o recordo de Celestino Fernández de la Vega —a quen o Club Cultural Valle-Inclán acaba de dedicar unha merecida homenaxe organizando un interesante ciclo de conferencias e mesas redondas sobre a súa persoa e a súa obra e do seu magnífico ‘O segredo do humor’, convencido de que as palabras do frustrado sucesor do nada presentable George W. Bush, encaixaban en bastante medida na área do concepto que o pensador lugués tiña do humorismo: «responder con senso a unha situación conflictiva, facendo de freo, de resistencia, para aquilo que podería esvarar cara á traxedia ou cara á comicidade» grazas á capacidade do verdadeiro humorista de se «obxectivar a si mesmo».
Non sei o que o recordado Cilistro pensaría desta miña ousadía de comparanzas e interpretacións, pero creo que a resposta do señor McCain, xogando, sen esquecela, coa súa propia traxedia, provoca, polo menos en bastante medida, ese sorriso, equidistante
entre o pranto e a risa aberta, que el considera consubstancial do verdadeiro humor e que, de non se tratar dunha casualidade ou unha montaxe con preparación previa, podería levarnos a abrigar a esperanza de que tamén pode ser posible atopar políticos posuidores,
e cultivadores, de tan prezada virtude.
Claro que Silvio Berlusconni enche sempre moito máis espacio nos medios de comunicación.
17/11/2008