UN DOS máis socorridos recursos retóricos da linguaxe, e mais ainda no noso tempo é o eufemismo, expresión coa que se disfraza ou se disimulan ideas ou palabras duras, malsonantes ou impertinentes. Na fala corrente sempre se usaron e mesmo son característicos do xenio do noso idioma, e se non reparemos, a título de exemplo naquilo de pasou a mellor vida que realmente é mais un bon desexo que unha certeza. Pero no mundo da publicidade e, xa que logo no da política, mais que unha excepción é unha regla. Lembremos cando o conflito dos Balcáns a sonada limpeza étnica para se referir aos asasinatos en masa ou a expresión tan propia da guerra do Golfo, e sobre todo da invasión de Irak, dos danos colaterais cando realmente se trataba da morte de persoal civil. E xa mais recentemente —e nun ámbito menos dramático—, a separación dos duques de Lugo, que foi calificada moi polidamente pola Casa Real de "cese temporal da súa convivencia conxugal", nada menos.
Pero voltemos á política. Non hai moito tempo un conselleiro do goberno galego era interrogado sobre os chamados chiringuitos, que era como se coñecia a administración paralela montada na era Fraga, e que se converteu en motivo para unha verdadeira enxurrada de críticas e iniciativas parlamentares de todo tipo. A resposta foi de antoloxia: agora xa non existen mais que as sociedades instrumentais. A viraxe semántica a base de sinonimias, circunloquios ou perífrases fai marabillas: os cárceres son establecimentos penitenciarios e os tolleitos persoas de mobilidade reducida, e xa se sabe os chiringuitos sociedades instrumentais e asunto resolto. Realmente a modernidade deberia acreditarse con actuacións alén da pura publicidade, porque asi como un panadeiro non deixa de selo por moito que titule o seu negocio como boutique do pan, os chiringuitos non desaparecen por ensalmo: necesitase algo mais que o simple cambio de rótulo por moi prosopopeico que sexa o tono.
Pero é que ademais a memoria é frouxa: seica para algúns fican moi lonxe aqueles titulares e noticias sobre o escándalo de Mario Conde en Banesto, porque nas sociedades instrumentais estaba o cerne das operacións fraudulentas. Daquela, e despois, o concepto e sociedade instrumental que, segundo o conselleiro "son positivas e todos os gobernos as teñen" definese como unha sociedade cuxa constitución e obxectivos serve a un propósito ou para un determinado negocio ou transacción dentro dun grupo. Naturalmente unha das características fundamentais é a opacidade ou a simulación. No caso dos chiringuitos a dificuldade dos controles parlamentares. Ou sexa que estamos perante a mesma cuestión, posto que neste modelo se inspiraban tamén durante os anos de goberno anteriores, e non vemos que coa simple decoración e o enfeite denominativo poida ser conxurado aquel modelo tan denostado no pasado recente.
19/11/2008