En La guerra del fin de mundo, Mario Vargas Llosa fai dicir algo así: nunca poderei apoiar un conservador fronte a un liberal, aínda que este sexa unha rata e aquel un señor. O que tal afirma, Galileo Gall, era un anarquista escocés; razoaba co aludido conservador e a tipificación moral resultaba, na trama da novela, concreta e exacta.
Desboten aplicación literal na vida política lucense. Pero o caso tenme vido á cabeza en episodios concretos de relación BNG-PSOE; con referencia ao primeiro, xaora. A última vez esta semana pasada, cando o grupo nacionalista —coas súas incomprensibles urxencias— quedou na tesitura dun novato ou “idealista” a quen todos lle coñecen a maña e calquera dos seus máis experimentados adversarios pode deixar en evidencia; para gozo nada disimulado, aínda por riba, de ambos concorrentes. Unha cousa ben lamentable, tanto máis canto que na actual situación nin se recoñece o carácter da forza que lidera Anxo Quintana nin o máis suxestivo e atraente da súa estratexia e proposta; polo menos, ultimamente.
Tirios e troianos coñecen o inverosímil que resulta unha moción de censura na actual corporación; o primeiro, quen promoveu o voto de confianza. A opinión maioritaria, hoxe por hoxe, non defendería unha alianza entre os grupos da oposición; hoxe por hoxe, puntualicemos. Porén, resulta máis discutible que a xente non desexe ver dialogar a PP e Bloque, mesmo explorando puntos de acordo fronte a un goberno que se considera pouco ou nada transixente. Convén manifestar que un diálogo PP-BNG non provoca ictericia, cando menos a estas dúas e mencionadas partes. E carece de sentido rendible priorizar a indicación de que resulta impensable, principalmente se supón mudar de improviso o plano que había establecido.
A dirección lucense do Bloque non se debe confundir: acaban de decepcionar unha parte, igual non moi escasa, do propio electorado; distanciándose aínda máis, por outra banda, de moitos a quen, aspirando a medrar, se pretende seducir. Iso no caso, e é abondo pensar, de que o conxunto da militancia orgánica estea, agora mesmo, altamente satisfeita dos modos e a escenificación.
Acábase tamén de pór en mal lugar a quen menos o merecía, indiscutible protagonista do aumento electoral e desaparición da maioría absoluta: o seu concelleiro portavoz .O Bloque, neste punto, segue en terra de ninguén, xusto a onde van dar todas as bombas e balocazos. Orozco e Barreiro deberon ler a Vargas Llosa. Móstrense máis lecturas.
20/11/2008