ENTREVISTA

Margarita Ledo: ''Marchei emigrada a Barcelona porque aquí non atopaba traballo''


Etiquetas: Real Academia Galega, cine, lingua, Margarita Ledo, Castro de Rei, entrevista

29/01/2009 - Jaureguizar / El Progreso (Lugo)

O plenario da Real Academia Galega (RAG) terá como nova integrante a Margarita Ledo (Castro de Rei, 1951) dende o vindeiro día 7 nun acto que terá lugar na facultade de Xeografía e Historia de Santiago. A xornalista, escritora, cineasta e catedrática en Comunicación Audiovisual cubrirá a vacante deixada por Miguel Anxo Araúxo Iglesias co discurso Do bucle e da fenda. Para un ensaio crítico sobre a cultura galega.

Cales son ese bucle e esa fenda do título do seu discurso?
Parto de dúas consideracións: do paso do tempo como lugar onde se vai tecendo un obxectivo común, que é Galicia no sentido político e cultural, e dos ocos que foron quedando nesa edificación, como a emigración, a muller, a fala e a nación.

Vostede encarna eses catro ocos.
Si, eu marchei emigrada a Barcelona porque aquí non atopaba traballo, pero non me refiro a esa emigración. A construción do obxectivo común a través do paso do tempo fíxose dun xeito discontinuo e, gran parte, na emigración...

Que é onde nace o galeguismo.
Iso é, porque na emigración é onde se editan as primeiras obras, é onde o intelectual empeza a ser unha personaxe pública. No meu discurso referireime a dous deles que teñen orixes, clases e ideoloxías ben diferentes, como son Rosalía e Otero Pedrayo. Vou ocupar a cadeira de Araúxo, que, ao tempo, ocupou a de Otero. Hai creo un bucle porque Otero fixo un discurso de ingreso falando de Rosalía. Eles eran ben diferentes, como acontece na Academia, que somos personas moi diferentes, pero que temos un obxectivo común para a comunitas que, no noso caso, é a defensa da fala.

Ten para vostede algún significado especial ingresar na Academia pola cadeira do bispo de Mondoñedo Miguel Anxo Araúxo?
Hai un detalle que me chamou moito a atención. A primeira noticia que teño del é un artigo de Galicia, ano 70, no que Manuel Espiña cita como o máis significativo do ano a ordenación de Araúxo como bispo na catedral de Ourense. Espiña salientaba que, por vez primeira se usaba o galego nun acto así e o texto falaba dos probes e os escravos. Iso causou indixestión entre os grandes do país que estaban no lugar. Foi algo moi importante naquel momento, como o foi o feito de que o bispo Ricardo Baeza, que era de Albacete, estudou o galego e estreouse diante de obreiros de Vigo nun pimeiro de maio. Para a miña xeración, a dos felices 70, nese momento cadran o lugar e os feitos,que é Galicia, porque os bispos se galeguizan e se proletarizan no ronsel de Xoán XXIII.

Todo un bucle...
Todo iso engarza co oco que deixou o cinema galego, que non tivo continuidade no franquismo, como tivo a escrita ou as obras plásticas.


Non houbo cine galego nese tempo por falta de medios ou porque se impediu? A sensación é de que había algúns cineastas abandonados á súa sorte, como Carlos Varela.
Había un cinema que se desenvolve na modernidade e que acaba sendo un pequeno sinal dunha industria tolleita, que acaba fracasando porque o cine require investimentos e formación. Non se deron a condicións, aínda que nos 70 houbo unha discusión entre quen defendía un cinema de axitación, como era Carlos Varela, e outros que apostaban por un cinema comercial, como Víctor Rupén, pero que non chegou a callar. O que me interesa é poder recuperar ese vencello cos devanceiros. Aí levo o discurso cara á miña xeración.

A Academia non fixo moito polo cinema nese tempo.
A Academia ten unhas orixes cercanas á escrita e non entendeu que ese fose o seu papel. Eu ingreso nela porque teño varias facetas a maiores da de cineasta, como son a de escritora ou investigadora.

Se tardou tanto en ingresar o cinema, canto agardará internet?
Hai unha vontade da Academia de alongar a eses ámbitos. A RAG sempre tivo interese no cinema. Hai unha portada de Vida gallega de 1910 na que aparece unha foto na que se anuncia que Murguía e outros académicos van visitar o estudo de Gil en Vigo para mirar un aparello "que mostra imaxes da terriña". Eles confiaban no cinema para xerar colectividade. O cineasta que puido dar continuidade, Carlos Velo, formouse como alumnos da Xeración Nós. Tamén houbo guións, como algún de Otero, pero quedaron en nada.

Será vostede a sexta académica.
...e cinco estamos vivas. Antes estivera Pardo Bazán, aínda cunha postura antiacademia, e no 45 fora eleita Francisca Herrera, pero non ingresou.

Cal vai ser o seu papel?
Aínda non o sei, pero ingreso nunha institución con persoas diferentes cun obxectivo común.

0'0 (0 votos)

Para valorar comentarios debes estar rexistrado.


Acceder Crear usuario

Non podes valorar os teus propios comentarios.



Só podes valorar o comentario unha vez.



1 comentario

Interésanos a túa opinión, pero 'con sentidiño'. Nada de insultos nin descalificacións.
Borraranse todos os comentarios que, con criterio subxetivo como en toda web, se consideren inadecuados.
E lembra, non lles deas de comer aos trolls...
Para calquera dúbida, consulta a guía de comentarios.


#1 Por mencia 08-02-2009 13:12

Normal

Noraboa Margarita.


Acceder Crear usuario

Podes comentar sen ter que crear un usuario, pero é recomendable se queres acceder a todas as funcionalidades dos comentarios (votacións, karma, foto personalizada...)





captcha

Cambiar por outro


Un pouco de HTML está ben
Podes usar algunhas etiquetas HTML <a></a>, <b></b>, <s></s>, <u></u>, <i></i>