Unha sentenza deixa o Museo Provincial de Lugo sen algunhas das súas pezas máis importantes


Etiquetas: Deputación de Lugo, Museo de Lugo, Xustiza

25/03/2009 - El Progreso (Lugo)

O Museo Provincial de Lugo podería perder algunhas das súas pezas máis importantes, segundo unha sentenza do xulgado de primeira instancia número dous da cidade, que establece a devolución do legado de Álvaro Gil Varela aos herdeiros deste artista.

Información relacionada

Segundo informou este mércores a Vicepresidencia da Deputación, este ente vai recorrer o fallo emitido pola xuíza Ángela Galván Gallegos, no que se estima integramente a demanda interposta polos sucesores de Álvaro Gil. Os herdeiros reclamábanlle á Deputación as pezas que Gil e a súa esposa foron depositando no Museo de Lugo, entre as que figuran elementos tan sobranceiros como o torques de Burela ou o carneiro alado de Ribadeo. A Deputación tería que entregar aos sucesores todo este legado, que constitúe unha porción importante do patrimonio que alberga o Museo Provincial.

Entre os anos 1955 e 1980, Álvaro Gil Varela e a súa dona, Antonia Arias, depositaron no museo provincial numerosas obras pictóricas e pezas de incalculable valor. Entre as achegas destaca unha importante colección de pezas de ourivería, na que figuran, ademais do torques e o carneiro ribadense, brazaletes, arracadas, e pulseiras. Outros dos depósitos do Museo de Lugo afectados polo fallo xudicial son varias obras pictóricas de Corredoira e unha colección de pintores cataláns.

No ano 2000 é cando os agora demandantes reclaman á Deputación as pezas obxecto do fallo xudicial.

O ente provincial anunciou este mércores que vai recorrer esta sentenza, entendendo que é obriga da institución velar por que este importante legado permaneza exposto na cidade de Lugo, para goce dos cidadáns, tal e como foi vontade de Gil Varela cando elixiu ao Museo Provincial para albergar estas pezas e obras.

O vicepresidente, Antón Bao, manifestou que dende a Deputación están abertas as liñas de dialogo coa familia para que, independentemente dos resultados do contencioso xudicial, se poida chegar a un acordo para que as pezas permanezan, nun futuro, “onde Álvaro Gil tivo a intención de expoñelas”.

Bao tamén manifestou, en declaracións a AGN, que a sentenza é unha consecuencia da "nefasta xestión" que fixo o PP do asunto. Ao seu xuízo, esta situación, que pode mermar considerablemente o catálogo do Museo Provincial, é unha "herdanza directa do Goberno de Francisco Cacharro Pardo", porque en vez de buscar unha solución negociada, "mantivo en todo momento un enfrontamento directo coa familia de Álvaro Gil".

2'8 (11 votos)

Para valorar comentarios debes estar rexistrado.


Acceder Crear usuario

Non podes valorar os teus propios comentarios.



Só podes valorar o comentario unha vez.




Fotos

O torques de Burela e o carneiro alado de Ribadeo (Fotos: Pepe Álvez)
O torques de Burela e o carneiro alado de Ribadeo (Fotos: Pepe Álvez)