A 'Repichoca' das Pontes rendiralle unha homenaxe a Pepe da Silva
13/04/2009 - C. Arias / El Progreso (As Pontes)
"Despois da miña muller e os meus fillos, a música é o máis importante da miña vida, é o mellor que hai". Así de contundente, e sen dubidar nin un intre, se amosa Pepe da Silva, o caixeiro da charanga Os Ponteses, para explicar o que sente polas notas e os ritmos. A música —á que se aproximou xa de maior, ó redor dos 40 anos, "porque de novo tocaron tempos moi malos e collín a guerra toda"— acompañouno dende aquela case sen descanso.
Por eso, os gaiteiros das Pontes, que cada ano dende hai seis organizan unha Repichoca dedicada a alguén da localidade, renderanlle unha homenaxe o 26 de abril no local do pulpo da Fraga. "Levamos un seguemento da música de gaita nas Pontes e sobre todo dos músicos maiores, porque hai que facerlle unha homenaxe a quen realmente ten que levala", explican os organizadores, que prevén que asistan ó redor de 90 persoas, como nas anteriores edicións.
Da Silva, tamén coñecido coma O Portugués, porque seu pai era nativo do país luso, fixo o primeiro achegamento á música por casualidade nunha noite de San Xoán. "Estaban tocando uns cantos, a min a música sempre me gustou, e collín o bombo para acompañalos", explica. "E non saíu tan mal, dixéronme que o levaba ben", engade entre risas, mentres explica que así, e para "botarlles unha man", foise "liando" sen que lle ensinase ninguén.
"Aprendín só, a conta dos compañeiros", comenta, mentres subliña que toca con ritmo, pero sen saber música. Ademais, dálle a todo. Tocou a gaita, o bombo ou incluso a tuba no servizo militar. Agora, e dende hai tempo, é o caixeiro de Os Ponteses.
Como formación, comezou sendo un cuarteto de gaitas, dos que hoxe xa non queda ninguén, aparte del. No 1985 empezaron coma Os Ponteses, a única charanga que continúa viva nas Pontes, aínda que as caras dos compoñentes foron variando co paso dos anos.
"Cotizabamos ben e iamos tocar a moitos sitios. Durante os primeiros anos tivemos días de ir a dúas festas", recorda Da Silva, que bromea dicindo: "Mira cómo o facíamos que a xente preguntaba por nós". Porén, ten claro que "foiche malo de aguantar, porque era difícil manter o grupo".
Agora, recoñece, "a cousa anda achicada" e, pese a que tocar é moito máis fácil porque, di, "sabes máis", hai moitas máis formacións. Hoxe el, xunto con Bolaño (tenor), Celso (bombo), Celso (saxo alto), María (trombón), Rodrigo e Aurelio (saxo), Cipriano (trompeta) e algún rapaz máis da banda municipal que colabora ás veces son os que manteñen vivos os sons da charanga Os Ponteses.
Non podes valorar os teus propios comentarios.
Só podes valorar o comentario unha vez.
Interésanos a túa opinión, pero 'con sentidiño'. Nada de insultos nin descalificacións.
Borraranse todos os comentarios que, con criterio subxetivo como en toda web, se consideren inadecuados.
E lembra, non lles deas de comer aos trolls...
Para calquera dúbida, consulta a guía de comentarios.





