Trinta anos de reformas en China

A política de reforma impulsada por Deng Xiaoping cumpre esta semana tres décadas de aplicación continuada, historicamente a secuencia máis sólida, permanente e estable dende que se proclamou a República Popular China en 1949.

Despois do Gran Salto Adiante e a Gran Revolución Cultural, este é o terceiro gran referente do proceso liderado polo Partido Comunista chinés, aínda que de signo ben distinto aos dous anteriores. Teñen en común unha mesma aspiración, a de facer de China un país desenvolvido e poderoso, capaz de tratar de igual a igual a calquera outra potencia, pero diferéncianse no camiño elixido.

Ese debate a propósito do camiño a seguir, estivo sempre presente no liderado chinés, e iso explica as idas e voltas de Deng Xiaoping e traxedias como a de Liu Shaoqi, auténtico artifice intelectual deste enorme xiro pero sen poder evitar o duro tránsito da presidencia da República ao cárcere, onde faleceu. Con esa débeda sobre as costas, Deng, hai trinta anos, comezou por rehabilitar a todos os represaliados por Mao, sentando as bases dunha nova normalidade.

O proceso chinés ten, sen lugar a dúbidas, moitas sombras (desigualdades, desequilibrios, carencia de liberdades públicas e dereitos cívicos, crises ambientais, déficits sociais, etc.) pero, a pesar de todo iso, é evidente que representa un gran éxito.

En só tres décadas, China deixou de ser un país pobre e miserento para situarse como a cuarta economía do mundo. Pero non só é un éxito no económico, tamén, en boa medida, no político, como resultado da insistencia en preservar o dereito a elixir o seu propio método para acceder á modernidade. Nin o Banco Mundial nin o FMI lograron insertar aquí as terapias de shock que sacodiron os países do socialismo real, con tantos custes como coñecemos. Pequín, cunha gran visión estratéxica, aplicando gradualismo e experimentando cada paso, evitou os retrocesos, aínda que ten por diante grandes retos.

As turbulencias que abanean a economía e a sociedade internacional supoñen un desafio enorme para China. Nada está cantado e pese aos vaticinios que lle auguran unha posición determinante no século en que andamos, habitan no seu interior problemas dunha gravedade tal que de non ser xestionados adecuadamente poden acabar por afectar á súa estabilidade. Tamén se pode morrer de éxito.

Comentarios