El tercer Chano Piñeiro, para Morris

El actor Antonio Durán, Morris
photo_camera El actor Antonio Durán, Morris

A Secretaría Xeral de Comunicación deu a coñecer a tarde do venres no concello pontevedrés de Forcarei os galardoados da terceira edición do Premio Institucional Chano Piñeiro, que este ano recaerá no galego Antonio Durán, Morris, e no arxentino de orixe galega Eduardo Blanco.

O xefe do Executivo galego, Emilio Pérez Touriño, presidirá a gala de entrega o próximo venres 19 no Teatro Principal de Ourense. En palabras do secretario xeral de Comunicación, Fernando Salgado, este premio trata ''de colaborar con outras iniciativas e abrir novos vieiros para que nos coñezan no exterior e darnos a coñecer''.

Ademais, este ano os premios pretenden render tributo novamente ao cineasta de Forcarei, no ano no que a súa curtametraxe de maior percorrido, 'Mamasunción', cumpre 25 anos. Así mesmo, tamén se pretende ensalzar a ponte de celuloide que hai anos uniu Galicia con Arxentina.

Os premiados
Un dos premios recae en Antonio Durán, Morris, actor vinculado ao audiovisual galego desde os primeiros anos oitenta e partícipe do nacemento da TVG a través de numerosos formatos, así como en curtas e longametraxes cinematográficas.

O segundo dos premios deste ano é para o actor Eduardo Blanco, fillo de galegos e un dos máis recoñecidos do actual panorama dramático arxentino. Participou en numerosos filmes e teleseries de éxito.

Por outo lado, o Goberno galego decidiu outorgar dous premios honoríficos que recaeron en dúas persoas vinculadas estreitamente con Arxentina e tamén con Galicia.

O primeiro deles é Fernando Luis Iglesias Sánchez, Tacholas, que entre os anos corenta e oitenta traballou en máis de cincuenta filmes ás ordes dos mellores directores do cine arxentino, ademais de protagonizar 'Os vellos non deben de namorarse' por decisión do propio Castelao e traballar no filme 'Mariñeiros' ás ordes de Xosé Suárez.

O segundo premio honorífico será para Jorge Coscia, director, presidente do INCAA, guionista e escritor, ademais de profesor e xestor, que desde a súa responsabilidade á fronte do Instituto Nacional de Cinematografía y Artes Audiovisuales da Arxentina, promoveu a creación con Galicia do programa de coprodución cinematográfica Raíces.

Comentarios