Agardando a Sylvia Plath

(*)

O pasado 11 de febreiro cumpríase o aniversario da morte de Sylvia Plath. A efeméride quedou soterrada baixo o manto das follas murchas do inverno. Non houbo para ela sitio nuns medios ateigados actualidade política. Tan só algúns recantos dedicados á literatura recordaron nese día a poeta de Boston que, igual que moitas outras escritoras, pasaron á historia co pesado fardo da biografía ao lombo. No seu caso foron a enfermidade mental, o casamento e posterior ruptura co tamén escritor Ted Hudges e o suicidio, á idade de 31 anos, as liñas mestras que construíron vida e mito. ‘O coloso’ (1960), a novela ‘A campá de cristal’ (1963) e os libros aparecidos con carácter póstumo, principalmente o poemario ‘Ariel’ (1965), suscitaron o recoñecemento e a admiración como escritora. O xénero é relevante, como ben demostraron os feminismos na reivindicación da súa figura.

Sylvia Plath foi tamén recordada polas poetas galegas contra o final da década dos oitenta. Nas revistas Dorna e Festa da palabra silenciada apareceron versións ao galego de textos seus asinados por Luisa Castro e M. P. Aleixandre (Marilar Aleixandre). Eran estas traducións pioneiras nunha literatura aínda en (re)construción cargadas no entanto dun alto valor simbólico no referido á escolla, como ben mostra a nota que introduce o segundo dos textos, onde se explica que as únicas versións da autora existentes naquel momento, ao castelán ou ao portugués, eran a da correspondencia coa nai e a da novela ‘A campá de cristal’. Tamén Ana Romaní, que comezara nos oitenta a cimentar a súa obra, estabeleceu un diálogo explícito con Sylvia Plath na performance ‘Catro poetas suicidas. Intervención poética contra a levidade’ (2002). O seu nome e os seus textos aparecían á beira dos de Marina Tsvietaieva, Florbela Espanca e Anne Sexton. Desde a poesía escrita cunha clara conciencia de xénero estábanse a estabelecer vínculos de afinidade con escritoras da literatura universal -habería que engadir tamén Ana Amajtova, Emily Dickinson, Edith Södergran ou Adrienne Rich- e, deste xeito, construír o seu (contra)canon. Da reivindicación destes nomes e da importancia da súa tradución quedou constancia na ‘laudatio’ que Ana Romaní pronunciou con motivo da homenaxe tributada pola AELG a Marilar Aleixandre: «agardo por certo con necesidade as súas traducións de Anne Sexton, de Sylvia Plath, de Adrienne Rich, e outras poetas á luz das que se ampliarían as lecturas críticas sen dúbida da obra dalgunhas poetas galegas contemporáneas”.

Fóra de textos illados, a tradución da poesía de Sylvia Plath ao galego é aínda hoxe unha tarefa pendente. Os versos da ‘poeta suicida’ enriquecerían unha aínda deficitaria tradución ao tempo que axudarían a comprender moitas poéticas do presente.

(*)Se mantiene el idioma de publicación original del artículo

Comentarios