A TECELÁ EN OUTONO

Os cen mellores (e II)


Etiquetas: A tecelá en outono, antología, Alonso Montero, Marica Campo, poesía

03/07/2009 - Marica Campo

FOI en 1966, á  volta dunha viaxe a Inglaterra en compañía de Fernández del Riego, cando Álvaro Cunqueiro publicou en El Faro de Vigo os Cantos de Hastings que habían dar lugar ao poema Recoñecemento de Harold Godwison ao que me refería no artigo anterior. Xa dixen que se trataba dun texto lírico-narrativo-dramático e debería engadir que histórico tamén, porque o personaxe existiu. Harold Godwison (1022-1066) era fillo do conde  Godwin de Essex e casara, por interese, coa viúva do rei de Gales a quen derrotara o pai. Máis tarde foi coroado rei. Morreu na batalla de Hastings, a loitar contra Guillerme o Bastardo, de Normandía.

O poema comeza no momento en que Edith Swanehals, a amante de Harold, busca o cadáver do seu amado no escenario da contenda, entre as sesenta ducias de mortos. Alén da densidade lírica e da grande beleza das imaxes, este texto serviría para identificarmos  moitas das teimas literarias de Cunqueiro, entre elas, o recurso á chamada materia de Bretaña, o que deron en chamar realismo fantástico, e as tecedoras. A primeira sérvelle para recrear uns personaxes románticos, lonxe da ambición e infidelidade do Harold Godwison verdadeiro. Do segundo, o realismo fantástico (termo pouco atinado e do que, por certo, non gustaba o autor), velaí unha mostra:

Viña de lonxe o canto do mar. Edith sentouse
a carón do morto
e cun frío branco que tirou dos seus soñares
comezou a tecer un pequeno pano
para tapar os ollos do Rei.

Por último, Edith, tal Penélope, tece. É un imposíbel fío que simboliza a persistencia no recordo e no amor:

A derradeira caricia de Edith foi aquel calado tecer
perto do morto, e cando saíu a lúa
misturou fíos azuis da luz da viaxeira cos seus.

As palabras finais que Edith pon en boca Harold redímeno para sempre:

—Swanehals, Colo de Cisne, envelleceremos xuntos
pero ti máis lentamente.

O poema é, sen dúbida, unha alucinación ou unha situación onírica, unha outra realidade, a dos sentimentos e dos soños que só se logran expresar con símbolos.

Na miña hipotética antoloxía dos cen mellores non deixaría de incluír aquel de Carvalho Calero que comeza "No Líbano nom hai cedros do Líbano". É un poema metalingüístico, é dicir, emprega a lingua para falar da lingua. As palabras que, ao cargárense de connotacións, xa non serven porque transmiten realidades que xa non son: "A gramática histórica permaneceu sobre a semântica sincrônica", "O tempo trocou en falsos os nomes verdadeiros". Pertence ao libro Reticências’ escrito entre 1986 e 1989, polo que tampouco podería figurar na escolma de Alonso Montero editada en 1970.

Non vou caer na tentación de dar títulos e nomes de poetas vivos, aínda que, debo dicilo,  hai  auténticas alfaias. Tampouco non farei nunca esa miña antoloxía. Tería que ser moi valente  porque, xa se sabe, "nunca chove ao gusto de todos". Só un consello: aproveiten as vacacións para ler tamén poesía.

4'4 (8 votos)

Para valorar comentarios debes estar registrado.


Acceder Crear usuario

No puedes valorar tus propios comentarios.



Ya has valorado este comentario



¿Comentas?

Serán borrados los comentarios que contengan insultos y/o contenidos inadecuados.
Para cualquier duda, consulta la guía de comentarios.


Acceder Crear usuario

Puedes comentar sin tener que crear un usuario, pero es recomendable si quieres acceder a todas las funcionalidades de los comentarios (votaciones, karma, foto personalizada)





captcha

Cambiar por outro


Un poco de HTML está bien
Puedes usar algunas etiquetas HTML <a></a>, <b></b>, <s></s>, <u></u>, <i></i>