Noticias falsas agachan avesas intencións

É TERRIBLE o de internet e os disparates que nos intentan coar con avesas intencións. O difícil agora é desentrañar a información real da deformada. So dous exemplos. Circula a noticia de que o Estado Islámico, do que evidentemente non son adepto e que pode ser acusado dunha manchea de barbaridades, mandou mutilar sexualmente a dous millóns de nenas dunha cidade iraquí, Mosul, na que en total viven menos de 700.000 persoas. E outra montaxe é a que dá conta de que en Nixeria foron queimadas dúas mil persoas ao estoupar unha nena bomba, cando a foto empregada para dar verosimilitude é sacada na República Democrática do Congo e foi por un accidente dun camión cisterna cargado de combustible. Destes e doutros sucesos distorsionados está cheo internet, por iso temos que esforzarnos en aplicar o espírito crítico e desconfiar, para evitar bólas de neve que poidan converterse en aludes.

Comentarios