Un ano máis, Rosalía

A data de nacemento de Rosalía de Castro conseguiu perdurar nun calendario das letras ben ateigado de efemérides e facelo ademais dunha maneira diferenciada. A singularidade da celebración non vén dada polas homenaxes institucionais nas súas diferentes modalidades -retórica, floral, haxiográfica- senón pola implicación que o aniversario da escritora vén conseguindo desde hai un tempo en ámbitos como o ensino ou a sociedade en xeral. Vexo nesta planificación, cun enfoque máis plural e popular, un camiño posíbel para resolver un dos males dos que na miña opinión adoece a literatura galega como é a falta de conexión entre institución e sociedade ou, talvez mellor, cidadanía, do que a celebración do Día das Letras Galegas constitúe unha excelente mostra.

Das actividades programadas para o vindeiro martes escollo tres, por parecérenme representativas destoutra maneira de manter viva a memoria da autora no século XXI. Unha delas é a que puxo en marcha, con motivo do 150 aniversario da publicación de ‘Cantares gallegos’, o programa da radio pública Diario Cultural. O espazo convidaba a poetas de xeracións diferentes a reescribiren unha composición do libro rosaliano que logo había ser lida, coa súa propia voz, e difundida a través das ondas. O vindeiro martes, nunha edición especial desde a Casa Museo de Padrón, o programa presentará o libro-CD que recolle os 34 poemas emitidos. Alén da lembranza da obra de Rosalía a través dun medio tan popular como a radio, o espazo e o libro ofrecen unha interpretación contemporánea e viva do poemario da autora. Outra das canles aproveitadas para celebración deste ano son as redes sociais. Delas bota man a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega na proposta ‘Eu son Rosalía’, mediante a que convida á realización dun pequeno vídeo no que se complete o lema explicando aquela ‘Rosalía’ coa que cadaquén se identifica. De diferente natureza é a iniciativa promovida por A Sega, plataforma feminista de crítica literaria. En ‘Rosalía de Castro aterece’ convidan a ‘tecer’ unha prenda de la para cubrir con ela as estatuas das escritora das vilas e cidades. Con tal intervención, que se prevé acompañada da lectura de poemas, preténdese facer fronte a unha efeméride -explícase- conformada por imaxes de pedra, bustos e monumentos, que está a ocultar unha obra «viva, rebelde e mesmo temeraria».

A radio -isto é, a cociña, o camión, o camiño cara ao traballo-, as redes sociais e os parques e prazas como espazos de intervención e reivindicación acollerán tamén este ano a lembranza do nacemento de Rosalía de Castro. Unha vez máis tentarase seguir mantendo viva a figura e a obra da escritora tamén fóra das bibliotecas: nas camisolas, nas pintadas, nos lemas, nas redes e nas rúas. Na vida.

Comentarios