A copa do Rei

Houbo un tempo no que tal día coma o de hoxe, ó chegar a noite e coa intención de gratificarlles a molestia e demostrarlles o lóxico agradecemento pola xenerosidade que un agardaba deles, deixábanse nas casas, preto dunha ventá e cabo dos zapatos limpos para a ocasión, tres copiñas con algo de augardente, anís ou mesmo coñá para que os Reis Magos puidesen, co seu contido, recuperarse nalgunha medida do cansazo co que, sen dúbida, debían chegar aló. Tampouco non eran poucos os que colocaban a maiores unhas poucas verzas, unha presa de pallas ou algo de herba para que tamén os camelos tivesen ocasión de se regalar con algo do que se supuña que sería do seu agrado e que, de paso, lles servise para repoñer parte das forzas perdidas con tanto carreto.

Pola mañá, cando corrías cara á fiestra confiando en que a decepción non fose excesiva mais sempre disposto a recibir calquera cousa que alí houbese con verdadeira ilusión, era doadamente apreciable a baixada de nivel no licor das copas e tamén a falla de parte dos vexetais canda elas ofrecidos, demostración evidente de que a visita real —e mais a das correspondentes cabalgaduras— fora debidamente cumprimentada aproveitando a escuridade da noite, e por todo elo notabas por dentro algo gratificante por ser sabedor
de que ti tamén contribuíras no posible a que o reparto de soños puidese seguir o seu curso.

Hoxe, naturalmente, sería este un costume considerado politicamente incorrecto e a ninguén lle parecería ben que se pretendese fomentar o consumo de bebidas alcohólicas entre testas coroadas —aínda que os encargados de guiar os camelos fosen algúns dos
paxes do acompañamento, que se cadra tamén viñan alangreando coa sede pero dos que ninguén se ocupaba de lles dar de beber— nin contribuír ó insalubre sobrepeso de determinados animais domésticos, pero eran outros os tempos, outras as usanzas e todos estabamos convencidos de que aquela era a mellor maneira de agasallar a quen chegaba de fóra... Certo que, no tocante ós Magos, un servidor deixou de crer na efectividade de semellante práctica cando, unha tarde de verán na que os homes da taberna saíran á se sentar á sombra da parra preto de onde xogabamos os nenos, escoitara dicir a un antigo militar que vivira moito tempo en África: «Os negros, polas crenzas deles, non poden beber viño, nin copas nin nada diso» e dei en pensar no dilema que se lle presentaría cada madrugada do seis de xaneiro ó bo de Baltasar, que era, dos tres, a quen eu máis simpatía lle tiña. Do que significa a discriminación comecei a saber moitos anos despois.

Comentarios