CASTROVERDE

Boas, Rabo de Raposo!


Etiquetas: cabalos, andadura galega, Castroverde, Lugo

27/07/2009 - Jaureguizar (texto) + Sebas Senande (Fotos) (Lugo)

José Guergué gozaba da sombra dun castiñeiro na tardiña de onte na estrada que abeira o campo da feira en Castroverde, que estaba tan esmagadoramente quente por mor do sol coma as caldeiras dun trasatlántico. Ergue un brazo para saudar a un xinete que cabalga cunha camisa negra coas súas iniciais bordadas en vermello na parte alta do lombo e un sombreiriño tamén negro. «Boas, Rabo de Raposo!»A seguir comenta que o alcume vén de que adoita poñer colas dese animal a cada lado dos cabeceiros das súas monturas.

 

José está sentado nun gardabarros do gran remolque que trouxera «dende un pobo a once quilómetros de San Andrés de Teixido, dende Cedeira». Cedeira é máis coñecido entre os participantes nas probas de andadura galega ca San Andrés de Teixido, por moito que haxa que ir de morto ou de vivo.

 

Para os outros participantes, el é ‘Cedeira’, como outros xinetes son ‘Melide’ ou ‘Narón’. Os afeccionados a este xeito particular de que marchen os cabalos son poucos e, durante o verán, percorren todos as mesmas competicións.

 

José anda polos setenta anos e «agora que estou xubilado, a miña vida son os cabalos». A súa vida e máis a da súa familia. Na viaxe dende Cedeira estivo acompañado pola muller, a filla e máis o xenro. Éste último tamén monta «e tamén o fai o neto, que ten 25 anos e aínda está solteiro. Curiosamente, o neto que monta non é fillo do xenro que monta, senón doutro ao que non lle gustan os cabalos. O rapaz non o fai nada mal, foi campión galego», explica.

 

O cedeirense fala con orgullo do seu neto, pero máis dos seus cabalos, «porque un xinete monta unha vez e outra, e ao cabo aprende, pero a un cabalo de andadura pódeche levar anos aprenderlle».

 

Roberto Díaz, que chega dende Betanzos «co veciño que me meteu nisto», cifra en dous anos a disciplina precisa para que unha montura sexa quen de andar a trotar movendo a pata dianteira e a traseira dereita ao compás, para mover as outras dúas.

 

Esa dedicación é a xustificación para que os seus prezos anden entre os 12.000 e os 30.000 euros. As cifras non abondan en moitas ocasións para que os propietarios se decidan a vender. Miguel Ángel López asevera que «eu non vendo a ‘Madrileño’ nin por 60.000 euros».

 

Para Miguel Ángel, un home de peito inchado e brazos poderosos procedente de Narón, ensinar a un cabalo require dedicación «porque hai que tratalos coma deportistas, eu son deportista e uso a mesma estratexia para min ca para o cabalo no que se refire ao entrenamento, ao descanso e máis a alimentación».

 

De feito, Miguel Ángel sentencia que «eu vivo para eles, por iso os meus cabalos son bos». O seu adestramento «consiste en facer arrancadas e viraxes, máis ca velocidade; porque nesta competición non conta tanto a velocidade como a arrancada ou a viraxe dado que os tramos para correr son curtos». O cabalo ‘Madrileño’ é unha das monturas galegas que mellor aprendeu, dados os premios que leva, aínda que onte ía dacabalo de ‘Furia’. «Non viñen con ‘Madrileño’ porque hai que deixar descansar aos cabalos», sinala.

 

O portugués Armindo Gonçalvez, un rapaz moreno que leva un anxo de prata colgando do pescozo, apunta que «a andadura é o xeito máis cómodo de montar». Francisco Porto, o veciño de Melide que viste unha camisa coas iniciais bordadas e un sombreirio negro, confirma esta opinión apuntando que «é moi cómodo porque, ao ir coas patas ao compás, o animal non trastea».

 

MIMO

Ese mimo debe comezar, na opinión de José Guergué, «aos catro ou cinco días de nacer». El visita aos seus poldros todos os días logo de erguerse e antes de deitarse «para que se afagan a min, porque, se non se afai ao dono, veñen as varas, as esporas e os paos». Para conseguilo, «doulles uns golpes nas pezuñas para poder ferralos sen inxeccións e acaríñolles as orellas porque o que máis odia o cabalo é que lle toquen a cabeza e logo non hai quen lle poña o cabeceiro».

 

Varios dos cabalos que competían onte no campo da feira de Castroverde foron criados por este ex xinete, pero el fala sobre todo de ‘Mora’ «que era coñecida en toda Galicia, ata que un veterinario acabou con ela para competir, agora soamente está para cría».

 

O medicamento que lle deu por indicación do experto fóralle enviado dende Barcelona, polo que tivo que pagar unha cantidade apreciable por un remedio que non soamente non foi eficaz, senón que «deitou a besta».

 

Este propietario de varios animais defende que «ten que gustarche moito isto, porque todos son gastos. Para competir en Castroverde, temos que pagar gasolina e as comidas de catro persoas».

 

Maiores aínda son os gastos de Mário Costa, quen viaxou dende Portugal con cinco cabalos, «cando logo os premios son de 120 euros como moito, se os consegues gañar».

 

O seu compatriota Armindo pensa o mesmo e engade que «eu ando nisto porque sempre houbo cabalos na casa e me gusta, pero os premios dan para tomar algo cos amigos e pouco máis».

 

Ambos os dous desprázanse dende Portugal, malia que prefiren as probas do seu país, «porque son máis bravas», apunta Mário. Este xinete explica que as carreiras lusas non se fan a unha volta, senón a catro, polo que o animal xustifícase. Nas carreiras galegas, cando o cabalo está entrando en calor, ten que parar».

 

A Rabo de Raposo resúltalle indiferente facer un percorrido a unha volta ou a catro, porque a el abóndalle con cabalgar, algo que fai dende hai corenta anos, cando tiña dez. Pasa a trote por diante de José Guergué, saúdando dende o remolque, coas dúas colas de raposo erguidas polo vento.

4'5 (2 votos)

Para valorar comentarios debes estar registrado.


Acceder Crear usuario

No puedes valorar tus propios comentarios.



Ya has valorado este comentario



¿Comentas?

Serán borrados los comentarios que contengan insultos y/o contenidos inadecuados.
Para cualquier duda, consulta la guía de comentarios.


Acceder Crear usuario

Puedes comentar sin tener que crear un usuario, pero es recomendable si quieres acceder a todas las funcionalidades de los comentarios (votaciones, karma, foto personalizada)





captcha

Cambiar por outro


Un poco de HTML está bien
Puedes usar algunas etiquetas HTML <a></a>, <b></b>, <s></s>, <u></u>, <i></i>

Fotos