Revisións

Sabido é que un dos labores ós que máis dedicación se lle concede durante os días que duran as festividades que acaban de rematar consiste en andar remexendo entre as follas arrincadas do vello calendario para procurar recordatorios e revisións, case sempre á baixa, de canto veu acontecendo no decorrer do ano que xa rematou. Coma se coa páxina do mes de decembro esgazásemos tamén, e para sempre, unha póla seca da árbore da memoria recente para alimentar con ela o interesado remol dalgúns recordos dos máis escollidos de entre os moitos que, polo menos en teoría, deberamos ir almacenando para un posterior exame que puidese servir de estímulo ou escarmento, segundo os casos.

O que pasa é que, aínda no suposto de que a un lle dese por realizar algo do que semellante tarefa precisa, dificilmente podería centrarse en evocacións que lle foran propias, contaminado como todo está —tamén a memoria individual— polo violento bombardeo ó que nos someten desde todas as frontes mediáticas, encargadas de nos dirixir sen remisión polo camiño, rigorosamente trazado polo Gran Irmán das efemérides proveitosas e que nos haberá levar até o lugar no que se desenvolve a doutrina do que é de interese e do que non. Alí se nos indicará cales foron os nacementos, defuncións, vodas, divorcios, xestas deportivas, logros científicos, romances amorosos, crimes pasionais, novelas que cómpre ler, discos que hai que mercar, películas que non se deben deixar de ver, nomes propios que recordar, paradisíacos lugares de vacacións, marcos comparables nos que se desenvolveron eventos fastosos, menús servidos en ceas de alto, ou case, ‘standing’ e unha chea de outras informacións que acabarán por condicionar calquera intento de conservar algo de noso do ano que xa pasou.

O libro de poemas que tanto nos emocionou aquela tarde de outono, o magnífico gol que o teu fillo conseguiu no partido de semifinais do campionato de cadetes, o proxecto que con tanto esforzo lograches sacar adiante axudado polos teus, os triunfos profesionais de amigos e parentes, o idilio de parella que fostes quen de anovar mesmo en escenarios antigos..., seranos permitido pensar que en verdade pagaron a pena?

E da dor polo pasamento de alguén a quen amaches profundamente, da mágoa pola ruptura que nunca se debeu producir ou do desalento polo fracaso inesperado e fóra de tempo..., poderemos aprender algo que nos fortaleza?

Haberá que agardar para ver que é o que sae pola televisión...?

Comentarios