Una década prodigiosa

O grupo de pandereteiras Nove Ferreñas de Meira, que conta con 50 integrantes, está a piques de cumprir dez anos de historia
Grupo de pandereteiras Nove Ferreñas de Meira.
photo_camera Grupo de pandereteiras Nove Ferreñas de Meira.

O que arrincou como un simple curso de pandeireta en Meira, no que participaban por curiosidade ou afección unha decena de persoas, converteuse co paso do tempo nun proxecto firme e de canteira. O grupo de pandereteiras Nove Ferreñas, que suma na actualidade medio cento de integrantes -entre o grupo de adultas e os outros catro de nenas-, cumprirá o próximo mes de abril unha década prodixiosa de vida.

E farao no cumio da súa traxectoria, en pleno estado de forma, tras musicar un poema do Poeta de Meira que lle pon a pel de galiña a calquera. «Algunhas das integrantes de Nove Ferreñas somos tamén socias da entidade cultural Avelino Díaz, propuxéronnos poñerlle música a unha nana, e como case todas somos nais, gustounos a idea e fixémolo con moita tenrura», sinala Vanesa Tella que, ademais de ser unha das integrantes con máis experiencia, é a encargada de darlles clase aos máis pequenos do grupo.

A estrea desta fermosa nana musicada fíxose no roteiro que a asociación cultural programou dende a Órrea a Meira o pasado mes de xullo, e que logrou reunir a veciños de tódalas idades.

Logo viñeron outros actos, entre eles o máis recente, que tivo como protagonistas aos familiares do poeta -o seu fillo Alberto, a súa muller Josefina, a súa neta Verónica, o seu neto político Mariano e a súa bisneta María Lourdes- que visitaron por primera vez Galicia e que se emocionaron coas voces e as ferreñas das pandereteiras meiregas, nun acto institucional que se celebrou nunha ateigada casa consistorial.

Ao fin, estes só foron os primeiros pasos que a agrupación de música tradicional deu para colaborar de xeito desinteresado coa entidade que loita por que se lle recoñeza o Día das Letras Galegas en 2017 a Avelino Díaz, coincidindo co 120 aniversario do seu nacemento.

O seguinte, que aínda está nun proceso inicial, será gravar un disco xunto a outros grupos, tanto de Meira como de Riotorto, que tamén lle puxeron música aos versos de Díaz.

Mentres, e segundo recoñece Vanesa, Nove Ferreñas seguirá «ensaiando unha hora á semana na casa da cultura de Meira», gozando da música e da tradición. Traballando porque os pequenos da vila manteñan viva a esencia da música máis ancestral, que seguirá soando en cada nova edición da Festa da Malla no mes de agosto, e en todos aqueles escenarios do contorno para os que reciban unha invitación.

Comentarios