"Estou xubilado dende o día 15, pero pedín unha prórroga ata agosto"

Alfonso Blanco: "Hay que ayudar, la droga es un mal que está ahí y no se puede mirar hacia otro lado"

Tras un bo susto, dez días de hospital e unha intensa peregrinación de visitas, Alfonso Blanco recibiu a alta médica e volveu para ese lugar onde leva 40 anos traballando a prol dos demais: Guitiriz. Quere seguir como ata o de agora, porque "Xermolos non só fai actividades culturais, tamén trata de axudar, cada vez nos sentimos máis necesarios"
Alfonso Blanco, na biblioteca de Xermolos de Guitiriz
photo_camera Alfonso Blanco, na biblioteca de Xermolos de Guitiriz

XA ESTÁ onde quería estar, na biblioteca de Guitiriz, arroupado polos mozos de Xermolos e por un incesante goteo de visitas que supoñen a continuidade do centro de peregrinación no que nos últimos días se convertera a habitación 302 do Hula. Sen rancor e con máis ganas de traballar ca nunca, Alfonso Blanco, párroco e coordinador de Xermolos, só mira cara adiante, disposto a emprender novos proxectos e a axudar a todo aquel que o precise, mesmo ao seu presunto envelenador.

Antes de nada, como está?

Ben, isto non me fundiu. Asúmoo como algo que lle pode pasar a calquera coma un accidente de coche. Hai que convivir con estas situacións horribles e pensar en todas esas familias que sofren estes traumas e que teñen que vivilos en soidade.

Que foi o mellor de toda esta experiencia?

O máis marabilloso foi o apoio que tiven da xente de toda Galicia e sobre todo da mocidade. Unen o que pasou con Pardiñas e din"como se lle pode facer eso a quen fai Pardiñas?". E é que Pardiñas é crear saúde, aínda que pasen outras anécdotas, e ese é o camiño polo que hai que tirar.

E o peor?

Explicarme ante a xente. Non entenden que estea tan tranquilo e que incluso diga que o perdoo.

Di que o perdoa pero, esquece?

Se falamos de revancha e de vinganza, por suposto que se olvida, foi un feito. Penso ir visitalo ao cárcere, non será a primeira vez.

Atópalle xustificación ao que fixo?

Non, supoño que sería un apuro de consumo e non atopou outra saída. Manía sei que non me tiña e aqueles días comigo estaba moi ben, se cadra incluso máis amable ca outras veces. O que si me ten dito é que prefería estar no cárcere, porque alí almorzaba, comía e ceaba gratis e na casa pasaba fame. O que teño que facer é eloxiar os veciños de Santa Locaia, porque se portaron de marabilla con el e non o sinalaron coma un maleante. A xente apartaba del, pero ao morrerlle a nai e pelexarse co pai acercouse e coidábano. Ese mesmo día o caldo que comín fíxoo unha veciña.

Volvería comer con el?

Si, e caldo vou seguir comendo.

Botou máis dunha semana no hospital, que se aprende?

O primeiro o trato marabilloso do persoal, alucinei coa amabilidade e co trato, porque non es un número, es Alfonso, coñecen a túa historia. E o ocorrido permitiume ver xente que facía anos que non sabía dela.

Recibiu a alta, pero supoño que terá recomendacións médicas, que lle aconsellaron?

Dixeron que había un antes e un despois disto, que coidase a diabetes, que fixese exercicio e que levase unha vida moito máis tranquila.

Vese cumprindo esas recomendacións, sobre todo a última?

Escarmentei. En agosto xa me dera un microderrame cerebral polo estrés no traballo, así que si que se poden facer as cousas con máis tranquilidade. Aínda que vou seguir traballando no mesmo pero máis convencido de que todos e todas temos que axudar a que haxa máis saúde na xente, no mundo, e a que ninguén se sinta só. Temos que axudarnos, apoiarnos e compartir.

Que vén agora, hai algún proxecto inmediato?

Seguir na mesma liña, que Pardiñas siga creando saúde, porque a saúde non é só ir ao médico. A min pásame no instituto, hai alumnos que me saúdan con cariño pola mañá e a min con eso énchenme o día, aínda que eles non se dan nin de conta. Tamén seguiremos colaborando co Proxecto Home e co cárcere de Bonxe, seguiremos traballando con eles para axudarlles ás persoas e as familias que pasan por ese trance. As drogas son un mal que está aí e non se pode mirar cara a outro lado.

Comentarios